O Concello de Narón impulsa un ano máis o Concurso de Tapas de Entroido, unha convocatoria que alcanza a súa décima edición e para a que xa se poden inscribir os locais da cidade interesados.

Así o anunciou a concelleira de Promoción Económica, Olga Ameneiro, que indicou que o prazo para anotarse permanecerá aberto ata este domingo 23, ás 23.59 horas. Os locais de hostalería interesados en participar deben enviar ao correo electrónico: tapasnaron@gmail.com o nome e horario de apertura do establecemento, o nome e número de teléfono da persoa de contacto, o nome da tapa que presentan ao certame e os ingredientes da mesma (especificando alérxenos). As tapas elaboradas polos locais participantes deberán servirse do 27 de febreiro ao 3 de marzo a un prezo de tres euros.
O público poderá votalas, puntuando de 1 a 5, a través dun código QR que haberá en cada establecemento e para que os votos sexan válidos e poder participar no sorteo dos agasallos deberán votarse como mínimo catro tapas. Deste xeito, a clientela entrará no sorteo de tres ceas a celebrar nun dos establecementos participantes que elixa.
Os locais de hostalería participantes optan a dous premios, un concedido por un xurado profesional e outro por un xurado popular, que en ambos casos serán de 500 euros, máis unha chaqueta de chef e unha placa. A concelleira de Promoción Económica animou aos locais de hostalería da cidade a participar nesta convocatoria, “que supón tamén unha excelente oportunidade para dar a coñecer os seus establecementos e a calidade do seu traballo entre a veciñanza de Narón e doutros concellos que se acheguen a degustar as, de seguro, saborosas tapas que presentarán a este certame”.