Narón acolle unha mostra de Rosalía de Castro e programa un espectáculo

A Biblioteca municipal de Narón abre este martes 18 o prazo de inscrición para poder asistir ao espectáculo “Somos ríos, somos fontes, somos regatos pequenos…” organizado con motivo da celebración do Día de Rosalía.

A convocatoria terá lugar o vindeiro 22 de febreiro, ás 11:00 horas, nas citadas instalacións municipais, tal e como recordou a edil responsable da área, Olga Ameneiro. Caxoto Contacontos trae a Narón este espectáculo, que consistirá nun percorrido pola obra e vida de Rosalía de Castro a través dos seus escritos e do seu testemuño, e tamén dos afluentes, lagoas e manantiais que xurdiron dela.

Trátase dunha proposta na que as persoas asistentes –diríxese a público infantil e familiar- coñecerán mulleres poetas que a partir da súa herdanza deron lugar a unha poesía galega recoñecida aquí e fóra das nosas fronteiras. Para anotarse é preciso chamar á Biblioteca –981 382 173– o citado martes a partir das 16:00 horas ou facelo de xeito presencial no centro.

Os menores que queiran asistir deben ter cumpridos os seis anos e o carné da rede de bibliotecas sen sancións pendentes. A Biblioteca municipal acolle dende hoxe, e durante toda a semana, unha mostra bibliográfica adicada a Rosalía de Castro.

As persoas que queiran visitala poderán atopar obras propias da poetisa galega e tamén biografías, ensaios, homenaxes e obras de ficción inspiradas nela.

Lea también

Narón organiza catro novas andainas a través do programa “Ponte en ruta con nós”

A alcaldesa de Narón Marián Ferreiro, e o concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, presentaron a …