As funcións do Xeoportal habilitado polo Concello de Narón continúan ampliándose de cara a ofrecer un mellor servizo á cidadanía, administracións e empresas. Así o indicou a concelleira de Promoción Económica, Olga Ameneiro, tras anunciar a posta a disposición dun novo visor: infoPoligonos. “Trátase dunha iniciativa moi específica que parte dunha aplicación web que permite a búsqueda de empresas, naves, parcelas e demais servizos que se prestan nos tres polígonos industriais da cidade, o da Gándara, o das Lagoas e o de Río do Pozo”.
A edil explicou que o visor incorpora un filtro para a búsqueda de parcelas ou naves que están á venda ou en réxime de alugueiro nos tres polígonos, pensado principalmente para aquelas empresas ou negocios interesados en instalarse en algún deles. No visor especifícanse as empresas que teñen actividade, as que non e as que se atopan noutra situación e tamén se inclúen no mapa os diversos servizos dos polígonos: hostalería, formación, estacións de servizo, aloxamentos, instalacións de ocio, áreas de estacionamento, subministros de electricidade e hidrantes, etc.
Incorpórase tamén un filtro para atopar estes servizos en cada un dos Polígonos Industriais. Para obter datos sobre as distintas capas de información que contén o visor pódese navegar libremente polo mapa ou utilizar os marcadores de ubicación dispoñibles na barra lateral. A aplicación incorpora ademais unha ferramenta de búsqueda por distintos parámetros: Referencia Catastral ou número de parcela, nome da empresa ou do negocio, etc.
“Trátase dun documento vivo que experimentará cambios ao longo do tempo e que iremos actualizando dende o Concello, polo que calquera posible indicación que se queira facer ao respecto deses cambios ou dalgunha posible variación sobre os datos recollidos no visor, agradecemos que se trasladen a través do correo electrónico á dirección: f.castro@naron.gal”, explicou Olga Ameneiro. A concelleira amosou a súa confianza “en que esta nova ferramenta sexa de gran utilidade” e recalcou “o importante traballo realizado por persoal municipal para que este visor sexa finalmente unha realidade”.
As persoas que queiran acceder ao mesmo poden facelo a través do enlace:
https://naron.maps.arcgis.com/apps/instant/sidebar/index.html?appid=585f5a818e254ab2958a7f88bdf4f3ce.