A concelleira de Participación Cidadá, Olga Ameneiro, presidiu a reunión do Consello Municipal de Memoria Democrática do Concello de Narón. A edil naronesa desculpou a ausencia, por motivos de axenda, da rexedora local, e enumerou os puntos da orde do día da sesión, que comezou coa constitución do Consello.
Á convocatoria acudiron os voceiros de TEGA, Román Romero; BNG, Olaia Ledo e PSOE, Silvia de Arriba, o edil popular Gonzalo Iglesias, en representación da Asociación Memoria Histórica Democrática o presidente, Manuel Fernández Pita; e tamén os historiadores Enrique Barrera e Xosé Manuel Suárez. No punto de rúas, placas e nomeamentos, acordouse realizar un labor de investigación dende a administración local para ver se hai algún caso susceptible de cambio de nome, atendendo á Lei de Memoria Histórica Democrática.
Neste apartado, a concelleira de Participación Cidadá recordou que o feito de que o arquivo de Narón estea dixitalizado vai facilitar este traballo. Así mesmo, dende a asociación comprometéronse a realizar unha serie de informes para entregar ao Goberno, despois de pasar polo vindeiro Consello e polo pleno municipal, para ver se hai zonas que poidan considerarse como Lugares de Memoria Democrática.
Os camposantos do Val, San Mateo e San Xiao, a escultura da Revolta popular de 1918 (ubicada en Sedes) e a vivenda da familia Díaz Corral, en Cornido (O Couto), dende onde se acollía e axudaba á veciñanza perseguida nos tempos da dictadura, foron algúns dos lugares plantexados.
O presidente da Asociación Memoria Histórica Democrática valorou positivamente o encontro e recalcou que “imos estudiar os casos de posibles rúas susceptibles de cambio de nome, non cambialo por cambiar, senón ver en calidade de que se realizaron no seu día eses nomeamentos”. Un traballo que tamén se levará a cabo cos nomeamentos de fillos predilectos, concesión de medallas…revisando as actas desas concesións.
Olga Ameneiro valorou tamén positivamente este Consello e o traballo que se leva realizado dende a súa constitución oficial, destacando a importancia do labor da Asociación Memoria Histórica Democrática neste ámbito. O Consello reunirase novamente cando estean rematados estes traballos tanto da administración local como da Asociación Memoria Histórica Democrática.