A Delegación de Estudantes da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) organiza, este mércores 12 de febreiro, ás 17:00 horas, no Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol, unha xornada divulgativa que ten por obxectivo fomentar a participación do alumnado na vida universitaria e, máis concretamente, nos órganos de goberno da Universidade da Coruña (UDC) a través da representación estudantil.
![](https://galiciaartabra.es/wp-content/uploads/2025/02/IMG_6148.jpg)
Os delegados de estudantes dan voz ao colectivo que representan nos órganos de goberno universitarios, tanto nos órganos xerais, o Claustro ou o Consello de Goberno, coma nos órganos de goberno dos centros universitarios, falamos pois das Xuntas de Escola ou de Facultade ou mesmo dalgunha que outra comisión vinculada.
Tal e como indica o presidente da Delegación de Estudantes da EPEF, Eloy Mosteiro, “queremos contribuír á consolidación da figura dun alumnado participativo, responsable e comprometido que aproveite ao máximo o seu paso pola Universidade da Coruña (UDC), fortalecendo a institución e a mellora da calidade dos seus estudos”.
O programa desta xornada divulgativa inclúe as intervencións da vicerreitora de Estudantes e Empregabilidade, María José Lombardía; da representante do Estudantado no Consello de Goberno da UDC, Irene Rodríguez; da vicepresidenta da Asociación Galega de Estudantes de Podoloxía da Universidade da Coruña (AGEP UDC), Laura Sueiro; do representante do Estudantado no Claustro da UDC, Miguel Fidalgo; do membro fundador do Consello do Estudantado da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Diego López; e máis da vogal da Coordinadora de Representantes de Estudantes de Universidades Públicas (CREUP), Irene Olivero, entre outros.
Esta primeira xornada divulgativa sobre representación estudantil está dirixida, principalmente, ao alumnado de grao, de máster e de programas de doutoramento da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), da Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI), da Facultade de Humanidades e Documentación, da Facultade de Enfermaría e Podoloxía e máis da Facultade de Ciencias do Traballo.