Aberto o prazo en Moeche para actualizar as listaxes da bolsa de emprego do SAF

A área de Benestar Social do Concello de Moeche abre de novo durante o mes de febreiro o procedemento de renovación das listas de contratación do Servizo de Axuda no Fogar. Desta maneira, calquera persoa que cumpra os requisitos pode solicitar a súa entrada na bolsa e, ao mesmo tempo, quen xa forme parte dela ten a opción de achegar méritos que melloren a súa puntuación.
 
 
A normativa pola que se rexe a elaboración da lista -publicada no BOP o 4 de xullo de 2016- establece que as instancias han de presentarse no prazo xenérico do 1 ao 28 de febreiro. O BOP do 4 de febreiro, publica as condicións para a actualización da bolsa municipal de emprego do SAF;
 
As listaxes de contratación  teñen a finalidade de que o Concello poida contar en todo momento dun número suficiente de persoas cualificadas para cubrir vacacións, permisos e baixas laborais das empregadas do servizo, ou incluso vacantes que poidan producirse.
 
Os requisitos xerais que se deben cumprir para acceder á bolsa son os de ter nacionalidade española ou dalgún estado membro da Unión Europea, ser cónxuxe de alguén que cumpra estas condicións, ou ter residencia legal en España. 
 
Tamén é imprescindible ter como mínimo 16 anos, dispor da titulación requirida, ter carné de conducir e dispoñibilidade de vehículo, non atoparse nunha situación de enfermidade ou eiva física que impida o desempeño do traballo e, por último, que non existan causas de incapacidade ou incompatibilidade legal nin tampouco algún expediente disciplinario que arrede ou inhabilite a persoa para traballar na Administración.
 
Para entrar na lista fai falla estar en posesión de alomenos un dos seguintes certificados profesionais: auxiliar de axuda a domicilio, o de atención sociosanitaria a persoas dependentes ou ben o de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais. A maiores destas capacitacións mínimas, as persoas que queiran formar parte da lista -e tamén as que xa estean nela- poden mellorar a súa puntuación total achegando a acreditación de formación complementaria, por experiencia laboral e polo coñecemento do galego.
 
As condicións deben reunirse no momento de presentar a solicitude, que ha de rexistrarse no Concello acompañada dunha fotocopia compulsada do DNI, dunha copia compulsada do permiso de conducir, da declaración xurada de dispoñibilidade de vehículo, e dunha fotocopia compulsada da documentación acreditativa dos méritos alegados. As persoas que presenten por primeira vez a súa solicitude tamén teñen que achegar o certificado de profesionalidade ou titulación coa que conten.
 
O prazo para presentar as solicitudes de inscrición na bolsa ou de actualización dos méritos permanecerá aberto desde o 1 ata o 28 de febreiro.  Unha vez finalizado ese período será cando se xunte a Comisión de valoración encargada de analizar toda a documentación e de asignar as puntuacións segundo o baremo oficial. Tras este trámite a lista exporase ao público por se houbese alegacións e, tan pronto como se resolvan, as bolsas elevaranse a definitivas, permanecendo en vigor ata o ano que vén. O listado publicarase no tablón de anuncios na web do concello.

Lea también

El concello de Mugardos regulariza el proceso de solicitud de plazas en la Escuela Infantil Municipal «As Lagoas»

Según informa el concello de Mugardos  «se completó la regularización de las solicitudes de plazas …