Narón destina 1,57M€ do POS a melloras viarias, servizos e edificacións municipais

O Concello de Narón destinará unha partida de algo máis de 1,57 millóns de euros a acometer diversas actuacións tanto na zona rural como na urbana do municipio. A través do Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña cofinanciaranse estes traballos, que se licitarán á maior brevidade co fin de que se poidan iniciar canto antes.

O grupo de goberno destacou a importancia de acometer as actuacións proxectadas, que se lle plantexaron ao BNG, acordando finalmente o total das que se levarán a un pleno extraordinario que se celebrará a finais da vindeira semana.

A alcaldesa, Marián Ferreiro, destacou “a importancia de poder levar a cabo as obras plantexadas para este POS, coincidindo neste caso TEGA e BNG na necesidade do conxunto das mesmas, e priorizando o feito de que mellorarán considerablemente viais e espazos da zona urbana e rural da nosa cidade”.

Pola súa banda, a voceira do BNG, Olaia Ledo, asegurou que dende a formación “estamos satisfeitas porque as nosas demandas foi incluídas. O POS é traballo do BNG na Deputación e en Narón a responsabilidade implica chegar a este acordo”.

A construción dunha beirarrúa na rúa Álvaro Paradela, en Freixeiro, nun tramo comprendido entre a estrada de Cedeira e a rúa Noriega Varela, é outra das obras que se acometerán con cargo ao POS co fin de conectar esas beirarrúas coa rúa Cerrallón de Abaixo para facilitar a mobilidade. O proxecto conta cun orzamento de 235.551 euros.

No que respecta a melloras viarias, programáronse actuacións en varios camiños e pistas das parroquias do rural naronés e tamén na zona urbana. En conxunto trátase de preto dunha trintena de obras en camiños como os de Villallonte, Bazón, Sabín, Corral Vello, Pracedo… en vías urbanas como a Italia, Portugal.. e nos aparcamentos da Praza de FEVE (Xuvia) e do instituto. En conxunto, trátase de actuacións orzamentadas en 362.166 euros.

A ampliación da rede de saneamento no lugar da Rocha, na parroquia de Sedes, forma parte das obras incluídas neste POS para completar este servizo na zona e dar servizo a preto dunha trintena de vivendas, uns traballos neste caso cun importe de licitación de 464.643 euros. Neste ámbito tamén se ampliará a rede de saneamento na Picota, na parroquia do Couto, onde con cargo a 91.645 euros se mellorará o servizo en vivendas da zona.

O acondicionamento do Centro de Maiores das Vivendas da Mariña permitirá a substitución da carpintería exterior e aillamentos, o cambio da calefacción, actualización da instalacións eléctrica, modificacións en rasantes, cotas de suelos, distribución interior e pavimentos e actualización de acabados no interior e exterior da construción, mellorando a eficiencia enerxética, a accesibilidade e a imaxe das instalacións.

Un completo programa de obras orzamentado en 290.813 euros. Tamén neste apartado se contempla outro proxecto para mellorar a carpintería exterior do local social de San Xiao, con cargo a un investimento de 52.813 euros para mellorar tamén a eficiencia enerxética da construción.

Outra das áreas sobre as que se actuará con cargo ao POS é a mellora da accesibilidade, cunha obra na contorna da praza do Concello de Xuvia por un importe de 76.877 euros. As obras proxectadas afectan a once espazos localizados nas rúas Xoán XXIII e Foro e na Praza do Concello dende a estrada de Castela.

Lea también

Narón súmase ao chamamento da Mancomunidade para un consumo responsable de auga

Os concellos da comarca manteñen dende xullo medidas de aforro, que continúan vixentes ante a …