O Padroado da Cultura de Narón abriu inscrición no Festival de Comparsas de Entroido

O Padroado da Cultura de Narón mantén aberto dende este luns 3 e ata o vindeiro 14 de febreiro, o prazo para que poidan inscribirse as comparsas interesadas en participar no Festival de Comparsas de Entroido que se celebrará na cidade o vindeiro 1 de marzo.

As agrupacións interesadas en anotarse poderán facelo no Pazo da Cultura, de luns a venres, en horario de 9:00 a 14:00 horas, debendo entregar unha copia das letras a interpretar e dos datos persoais do representante da mesma. Cada comparsa debe estar formada por un mínimo de 15 membros, dos que a maioría teñen que ter máis de 14 anos.

Poderán inscribirse un máximo de sete de Narón e tres doutros concellos, realizándose a selección por orde de inscrición. O Padroado resérvase a posibilidade de convidar a algunha outra comparsa, de Narón ou de fóra, tendo que comprometerse a participar unicamente nos actos do Día do Entroido en Narón. As comparsas que participen no festival sairán do pavillón da Mocidade, na Gándara, en desfile polas rúas de Narón ata a pista polideportiva da Solaina, onde baixo unha gran carpa se desenvolverá o evento.

As comparsas de fóra Narón recibirán unha asignación económica de 400 euros pola súa participación, ao igual que as convidadas, se ben as da localidade percibirán 800 euros, tendo estas últimas a obriga de realizar –a maiores da súa participación no festival- unha actuación na súa parroquia e outra en calquera outra do termo municipal, con percorrido no caso de ser posible.

Lea también

Narón pon rumbo ao Nadal cunha programación chea de actividades

Narón xa respira ambiente de Nadal que irá estendéndose cunha programación pensada para converter as …