O sector do metal consolídase nas Pontes co asentamento da empresa Agile

O sector do metal consolídase nas Pontes co asentamento efectivo da empresa Agile, especializada en infraestruturas metálicas. A compañía recuperou no último trimestre de 2024 a actividade da antiga nave de Formoso no polígono dos Airíos, cun planten inicial de 30 persoas e na actualidade xa traballa na ampliación e adecuación das súas instalacións, co obxectivo de aumentar a súa capacidade de produción prevista que implicará un incremento de persoal que supere as 80 persoas traballadoras.

A actividade principal da firma é a fabricación de estruturas metálicas singulares, mantemento de estruturas e estudos de enxeñería de detalle, sendo unha das empresas líder no sector da construción metálica e está recoñecida pola súa excelencia na integración de prácticas sostibles, a garantía de calidade e a innovación dixital.

Desde o Concello das Pontes, o alcalde, Valentín González Formoso incide na importancia deste novo asentamento que “reforza o potencial das Pontes como un dos principais asentamentos industriais do sector metalúrxico en Galicia. Á instalación deste novo centro de produción internacional súmanse a empresas como Allied Steel, Prometal, Mecace, Monmega, Agilenco, Acesan, Fitter, Talleres Mecánicos Loureiros ou Mypenn, entre outras. que se fixeron un oco dentro do sector internacional, nacional e autonómico, do que viven, de forma directa, máis de 400 familias no noso municipio”.

Un sector que segundo os últimos datos publicados por Asime, a Asociación de Industrias del Metal y Tecnologías Asociadas de Galicia, atópase nun moi bo momento, cun incremento do 2,5% no emprego e dun 16% en facturación no ano 2024.

Nese sentido, o alcalde subliñou que “as cifras nos amosan que debemos seguir apostando pola industria do metal, moi enraizada no noso concello, para continuar xerando postos de emprego cualificados, contribuír a dinamizar a economía local e a da comarca e así aumentar a súa competitividade, para seguir sendo un referente industrial en Galicia e no conxunto de España” engadiu González Formoso.

Por outra banda, o alcalde fixo fincapé en que que “este asentamento evidencia os innumerables recursos cos que conta o noso municipio; a proximidade ao porto, a rede de infraestruturas de comunicación, os recursos naturais dispoñibles, os recursos humanos cualificados, unha importante cultura industrial, etc, e que converten a As Pontes nun lugar idóneo para o desenvolvemento e asentamento de distintas actividades industriais”

Lea también

La Xunta destaca en Mañón la contribución del programa Leader para crear empleo en zonas rurales

La conselleira de Medio Rural, María José Gómez, ha destacado la contribución del programa Leader …