ECORADAR gaña o hackathon sobre finanzas persoais sostibles da UDC

ECORADAR, unha páxina web que lle permite á rapazada de entre 18 e 25 anos localizar aquelas tendas que ofrecen produtos de proximidade nas cidades da Coruña e de Ferrol gaña o hackathon sobre finanzas persoais sostibles que acolleu, este martes 28, mércores 29 e xoves 30 de xaneiro, a Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol no marco do Proxecto Europeo Erasmus+ ImpactFinance.

De esquerda a dereita, Diego Pérez (Mallorca, 2006), Irene Rodiles (Santiago de Compostela, 2006), Gabriel Pita (Ferrol, 2000) e Clara Ventura (Fene, 2003) viaxarán no mes de abril xunto con Lydia Fernández (Ferrol, 2000) ata a cidade grega de Tesalónica para presentar a súa proposta de material educativo xunto con outros estudantes de Chipre, Grecia e de Lituania.

Detrás desta iniciativa que pretende fomentar o consumo responsable entre os máis novos e, en particular, entre o alumnado da Universidade da Coruña(UDC) están Diego Pérez, Irene Rodiles e Lydia Fernández, estudantes do grao en Relacións Internacionais, así como Gabriel Pita e Clara Ventura, do grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos. No mes de abril, este grupo de mozos e mozas viaxará ata a cidade grega de Tesalónica para presentar a súa proposta de material educativo xunto con outros estudantes de Chipre, Grecia e de Lituania.

A páxina web proposta polo alumnado do Campus Industrial de Ferrol quere converterse nunha plataforma educativa que sirva para concienciar á comunidade universitaria sobre a alimentación saudable, sostible e ecolóxica. A sección de receitas elaboradas polo propio estudantado da Universidade da Coruña (UDC) e as enquisas, por exemplo, sobre o consumo de produtos de tempada que propuxeron ante o xurado, integrado por profesorado da Facultade de Economía e Empresa e da de Humanidades e Documentación, poderían ser usadas tamén como recursos educativos para este fin.

Participaron máis de 40 estudantes de grao e de máster dos Campus da Coruña e do Campus Industrial de Ferrol

A xestión dos residuos urbanos, a alimentación sostible, o consumismo ou a capacidade de aforro da mocidade foron algúns dos temas nos que afondaron os máis de 40 alumnos e alumnas inscritos neste hackathon sobre finanzas persoais sostibles.

O Campus da Coruña estivo representado polo estudantado dos graos en Administración e Dirección de Empresas e de Economía, así como polo alumnado do máster en Banca e Finanzas. Pola súa banda, o Campus Industrial de Ferrol contou coa presencia dun grupo de mozos emozas que cursan os graos en Relacións Laborais e Recursos Humanos, en Xestión Industrial da Moda e en Relacións Internacionais.

Para acadar o seu obxectivo, o estudantado contou tamén co apoio dun grupo de persoas expertas entre as que figuran a consultora Maika R. Freire; a xornalista Eva Mazás; a experta en empredemento María Teresa Deus; o profesor do IES Salvador de Madariaga da Coruña Rodrigo García-Muñoz; o profesor do Colexio Tirso de Molina de Ferrol, José Juan Álvarez; a pedagoga Maite García; a emprendedora Lucía Mato, o socio de Seniors Españoles para
la Cooperación Técnica (SECOT), Sergio Martínez; o enxeñeiro naval Vicente Irisarri e os profesores da Universidade da Coruña (UDC), Javier Orosa, Jorge Pérez e Félix Puime.

Explorando sinerxías entre a sustentabilidade e as finanzas da mocidade

Identificar e promover sinerxías entre a sustentabilidade e a educación financeira da mocidade para tratar de resolver os retos de benestar aos que se enfronta  a sociedade actual. Este é o principal obxectivo do Proxecto Europeo Erasmus+ ImpactFinance que lidera, en representación da Universidade da Coruña (UDC), a profesora da Facultade de Economía e Empresa, Begoña Álvarez.

A organización Centre for Competence Development Cyprus (COMCY) de Chipre coordina unha iniciativa de innovación docente na que tamén participa a entidade social Infinity Greece de Grecia, a Vytauto Didžiojo Universitetas (VDU) de Lituania e a Universidade da Coruña (UDC) de España.

O Proxecto Europeo Erasmus+ ImpactFinance está financiado pola Comisión Europea (CE) e conta cun orzamento total de 120.000 euros. A Universidade da Coruña (UDC) dispón de 30.000 euros para levar a cabo a súa parte do proxecto, centrada na construción dunha percepción financeira unificada das finanzas persoais sostibles entre as organizacións, as institucións e os centrosde educación superior que conforman o consorcio.

Acompañan a Begoña Álvarez neste proxecto os tamén profesores da Facultade de Economía e Empresa, Joaquín Enríquez, Dolores Lagoa, Susana Iglesias, Laura Varela e Andrea Teira quen están a avanzar na medición do grao de alfabetización financeira sostible existente en Chipre, Grecia, Lituania e en España e na creación de materiais educativos que sirvan para fomentar unha educación financeira sostible, actualizada e baseada nas lagoas formativas detectadas no marco desta iniciativa de innovación docente.

Lea también

Presencia de la cantera racinguista en el Campeonato Gallego

Dieciséis futbolistas de la cantera del Racing de Ferrol compitieron con las selecciones comarcales. Varios …