Na sesión plenaria celebrada o xoves 20 de xaneiro no Concello de Narón saíu adiante unha declaración institucional en apoio á proclamación do ano 2025 como “Ano Castelao”, con motivo do 75 aniversario do seu pasamento.
Con esta declaración, a corporación local amosa o seu apoio á figura de Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, un dos personaxes máis recoñecidos en Galicia e cunha fonda pegada na nosa cultura e política. Dende o Concello de Narón, ao igual que noutras administracións e entidades, organizaranse varios actos para homenaxear e recordar a figura de Castelao, como o que se desenvolverá este mesmo sábado nas instalacións da Biblioteca municipal, coa actividade “Coñecendo a Castelao”, dirixida a menores a partir de 4 anos e a creación dunha imaxe conmemorativa que se incluirá na cartelería de eventos municipais a desenvolver este ano.
Na sesión plenaria aprobouse tamén sobre esta área unha moción presentada polo BNG, cos votos de TEGA e PSOE, para solicitar, entre outras medidas, á Xunta a recoñecer a Castelao como primeiro presidente de Galiza de xeito oficial e o Consello de Galiza como o primeiro goberno galego da etapa contemporánea.
Na sesión plenaria aprobouse por unanimidade unha moción do PP sobre o mantemento, conservación e promoción dos espazos das instalacións de Aldea Nova, en Sedes. A este respecto dende o goberno local o voceiro de TEGA, Román Romero, recordou que técnicos municipais xa se desprazaron coa empresa ás instalacións para realizar un informe no que consten os desperfectos que terá que reparar a adxudicataria (que recentemente renunciou a continuar xestionando estas instalacións), tal e como se recollía nas bases da concesión.
O BNG presentou tamén outra moción sobre a actualización dos plans de autoprotección do Auditorio municipal e do Pazo da Cultura que se aprobou por unanimidade. O voceiro de TEGA recordou neste punto que o do Pazo se actualizou xa en cinco ocasións, sendo a última versión de marzo do pasado ano.
O Auditorio, explicou, conta cun plan de emerxencias, ao non ser obrigatorio por lei o de autoprotección –que aínda así segundo recalcou está elaborado e proximamente se implantará-. A maiores, o pasado mes de novembro propuxéronse dúas accións formativas nesta área ao Padroado da Cultura que está previsto desenvolver o vindeiro mes de febreiro.
O PSOE presentou unha moción solicitando o arranxo da pista do circuíto municipal de radio control que se aprobou por unanimidade. Neste punto o edil de Deportes indicou que xa antes de presentarse esta moción o goberno local acordara co club que utiliza as instalacións a execución dunha serie de traballos de mellora con cargo ao orzamento deste ano.
Tamén por unanimidade se aprobou a moción do grupo municipal socialista sobre filtracións de augas nos pavillóns municipais, destacando dende o goberno local as partidas que se destinan anualmente a subsanar este tipo de problemas.