As Pontes prepárase para vivir unha nova edición de Mar de Lecer

O Concello das Pontes prepárase para vivir unha nova edición do Mar de Lecer o vindeiro 8 de agosto, un evento cultural e lúdico organizado desde o departamento de cultura para celebrar un novo aniversario do lago das Pontes, símbolo da transformación ambiental e do compromiso coa sustentabilidade.

A programación está deseñada para ofrecer unha tarde-noite de entretemento, cultura e música para todos os públicos, cunha variada oferta de actividades no propio entorno do lago.

A festa comezará ás 18:00 horas co espectáculo GHOP da compañía Teatro ao Cubo, un espectáculo de variedades de rúa, participativo e pensado para todos os públicos, con especial enfoque nas familias. A montaxe desenvolve unha estética lembrando os circuítos ambulantes clásicos, combinando clown, acrobacias, maxia, malabares e monicreques nun ambiente cheo de humor e enerxía

Ás 20:00 horasTrapu Zaharra Teatro Trapero presentará Dale Ramón, unha proposta teatral chea de humor, retranca e crítica social, na que se presenta un mundo posapocalíptico onde unha firma comercial lanza ao mercado búnkers de luxo como solución ao “gran colapso”. Para promocionar este produto organiza un concurso en directo, que se celebra sobre unha pista portátil. Un concursante debe afrontar probas cada vez máis absurdas e humillantes, mentres o público participa apostando sobre o seu éxito.

A música tomará o relevo ás 21:30 horas co concerto de A Banda da Loba, referente da música galega actual que presentará o seu quinto traballo discográfico, titulado Lovismo, un álbum que pon o amor no centro: amor propio, amor romántico, amor maternal, amor pola terra e pola lingua, e tamén pola sororidade e os afectos cotiáns.

O disco, publicado en xaneiro de 2025, propón unha viaxe musical e emocional a través de once temas que mesturan pop, rock, folk, ska e ata bachata, con letras que beben da poesía galega contemporánea —de autoras como Luísa Villalta ou Olga Novo— e tamén da creación propia.

Ás 23:00 horas, o ceo das Pontes iluminarase cun espectáculo pirotécnico sobre o lago, que se converterá no gran protagonista da xornada. A celebración pecharase a partir das 23:15 horas coas sesión de Dillei Alex Romero, unha das voces musicais locais con máis presenza nos eventos da comarca, levando a música a distintos espazos tanto da vila como de lugares próximos, con sesións en inauguracións, pubs, clubs e festas populares, que porá o ritmo final a unha noite para lembrar.

Foto arquivo fuente Concello de As Pontes

Mar de Lecer,  forma parte das accións promovidas polo Concello das Pontes para celebrar o valor ecolóxico, paisaxístico e social do lago, convertido xa nun espazo emblemático para a vila e conta, nesta ocasión, coa colaboración da Deputación da Coruña

Desde o Concello anímase á veciñanza e visitantes a participar desta celebración, que combina natureza, cultura e diversión nunha das contornas máis singulares de Galicia.

Lea también

La Mancomunidad abre inscripciones en un nuevo curso de socorrismo

Es gratuito, y está dirigido a personas empadronadas en los ayuntamientos del Geodestino Ferrolterra-Rías Altas. …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *