Este ano o lugar elixido é o CPI San Sadurniño.
A Olimpíada de Xeoloxía, convocada pola AEPECT (Asociación Española para la Enseñanza da Ciencias de la Tierra), a Sociedade Española de Xeoloxía e o Colexio Oficial de Xeólogos, suma xa 16 edicións na nosa comunidade. Tamén este ano, a organización elixiu o Xeoparque Cabo Ortegal como lugar idóneo para a realización da proba correspondente á provincia da Coruña, acollendo a realización desta actividade por segundo ano consecutivo dende o seu nomeamento como Xeoparque Mundial da UNESCO.
Nesta edición da Fase Galega, ademáis do Xeoparque Cabo Ortegal, tamén colaboran a Consellería de Educación, as Facultades de Bioloxía de Santiago, de Ciencias da Coruña, E.M.E de Minas de Vigo e a Deputación de Lugo. Mentres que na pasada edición as e os anfitrións foron os alumnos e docentes do IES Cabo Ortegal, este ano o lugar elixido é o CPI San Sadurniño.
Estas probas están dirixidas ó alumnado de 4º ESO e Bacharelato, podendo participar ata un máximo de 8 alumnos e alumnas por centro. Cabe resaltar que a preparación do alumnado para a Olimpíada de Xeoloxía na súa fase autonómica será recoñecida con 15 horas de innovación e/ou investigación educativa para o profesorado, 25 horas máis no caso de pasar á fase española.
Ademais, o alumnado de 2o de bacharelato poderá optar ás bolsas que as universidades galegas conceden para as persoas premiadas nas olimpíadas científicas. As probas constarán dunha parte teórica, con preguntas tipo test, e unha proba práctica por equipos en exteriores, se as condicións meteorolóxicas o permiten. As persoas que acaden a máxima cualificación en cada sede pasarán á Fase Española, que se levará a cabo o 5 de abril en Tremp (Lleida).
Xeoparque Mundial da UNESCO Cabo Ortegal
A elección do Xeoparque Cabo Ortegal para acoller esta proba non é casual. Certificado no ano 2022 como Xeoparque Mundial da UNESCO, a peculiaridade desta zona reside en que atopamos en superficie rochas que habitualmente están no manto da Terra, a máis de 70 quilómetros de profundidade. É por isto que a xeoloxía ten aquí un grande campo para investigar e ampliar o seu coñecemento sobre os cambios e momentos que viviu o noso planeta durante millóns de anos.
A obtención de este distintivo da UNESCO posibilita e incentiva a ampliación do coñecemento do territorio. Os xeoparques exercen tamén como fio condutor dun turismo sostible e desestacionalizado, mesturando natureza con patrimonio, tradición, gastronomía…e por suposto, coa xeoloxía