O voceiro de Terra Galega, Román Romero, presidiu, excusando a ausencia por motivos de axenda da alcaldesa, Marián Ferreiro– o acto organizado xunto coa Asociación Memoria Histórica Democrática con motivo do Día Internacional de conmemoración en memoria das vítimas do Holocausto.
Na convocatoria, estivo acompañado polos voceiros do PP, Germán Castrillón; do BNG, Olaia Ledo e do PSOE, Silvia de Arriba. Así mesmo, estiveron presentes o presidente da Asociación Memoria Histórica Democrática, Manuel Fernández Pita, e outros integrantes da entidade, o secretario da asociación e historiador Enrique Barrera; profesorado e alumnado de cuarto curso da ESO do colexio Santiago Apóstol, convidado este ano ao acto e dous integrantes da Agrupación Cultural Musical Sementeira, que amenizaron a convocatoria.
Román Romero deu a benvida aos asistentes ao acto e agradeceulles a súa participación incidindo en que “supón unha homenaxe a eses milleiros de persoas, moitas delas da nosa comarca, vítimas inocentes do goberno da Alemaña nazi pola súa raza, relixión, creencias políticas ou orientación sexual e que resultaron cruelmente asasinadas durante o Holocausto”.
Coincidindo co 80 aniversario da liberación do campo de concentración e exterminio de Auschwitz, en Polonia, como recordou o voceiro do grupo de goberno, celebrouse esta convocatoria para que non quede no esquecemento e co firme propósito de que tan cruentos feitos non se repitan. A continuación tomou a palabra o presidente da Asociación Memoria Histórica Democrática, que destacou o labor das persoas que nestes 25 anos formaron parte da entidade e tamén o labor do Concello de Narón. “Un concello sempre amigo, ao noso carón organizando actos, axudando e dando eses ánimos que en ocasións tanto se precisan”, asegurou.
O historiador Enrique Barrera foi o encargado de repasar parte da historia desa época e de chamar aos alumnos e alumnas que este ano se encargaron de acender as seis velas, en recordo dos seis millóns de xudeos asesinados; do millón e medio de menores que perderon a vida nas cámaras de gas; dos españois asasinados nos campos de concentración; dos restantes colectivos perseguidos polos nazis (discapacitados, esclavos, homosexuais…); dos xustos entre as nacións e de todos os supervivintes no Holocausto.
O alumnado e o profesorado do colexio Santiago Apóstol visitou antes do acto celebrado no Concello a mostra “Galegos en Mauthausen”, integrada por corenta imaxes e outros documentos que amosan as duras condicións de vida no campo de concentración. Esta exposición pódese visitar ata o vindeiro 1 de febreiro na sala de exposicións da planta soto, de luns a venres, en horario de 17.00 a 20.00 e os sábados de 10.00 a 13.00.
A maiores, tamén se ofrece a posibilidade de concertar visitas guiadas con persoal da Asociación Memoria Histórica Democrática a través do número de teléfono 981 382 173.