O edil de Deportes de Narón, Ibán Santalla, presentou este luns 27 xunto con Samuel Bustabad, presidente do Club Ciclista Narón, a cuarta edición do “Campionato de BTT resistencia Cidade de Narón”. O edil naronés avanzou que o evento, no que poderán participar ata 300 persoas, terá lugar o vindeiro 16 de febreiro na parroquia de Pedroso.
As inscricións, tal e como se avanzou, poden realizarse xa ata o 12 de febreiro ás 23:59 horas, a través da web da Federación Galega de Ciclismo: fgalegaciclismo.es, que colabora un ano máis nesta convocatoria.
Dende o Club Ciclista Narón destacaron o feito de que a de Narón é a última proba da Copa Galicia 3 horas BTT resistencia, da que sairán os campións galegos de cada categoría.
Así mesmo, explicaron que os participantes sairán ás 10:00 horas das inmediacións do local social de Pedroso para realizar un percorrido circular por un tramo de seis quilómetros, íntegramente pola citada parroquia, no que gañará o que dea máis voltas nese tempo establecido de tres horas. A proba disputarase en varias categorías, masculinas e femininas.
O concelleiro de Deportes felicitou ao Club Ciclista Narón “polo éxito que ano tras ano acumula este evento deportivo, de moi recente creación en comparación con outros que se programan cada ano na cidade pero que ten unha excelente acollida de participantes e público”. Santalla recordou que o pasado ano se celebrou en Pedroso o campionato galego de BTT resistencia e destacou o feito de poder celebrar esta última a proba da Copa Galicia.