Ferreiro solicita a colaboración da Xunta para cofinanciar actuacións en materia de saneamento

A alcaldesa de Narón Marián Ferreiro, desprazouse na tarde do martes 21 a Santiago para manter unha xuntanza coa conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e solicitar a colaboración da administración autonómica para acometer algunhas importantes actuacións no termo municipal.

Á reunión acudiron tamén os concelleiros de Obras e Urbanismo, Pablo Mauriz e de Medio Ambiente, Manuel Ramos. Unha das máis importantes é o acondicionamento do colector xeral de Río do Pozo a Freixeiro, un proxecto cun orzamento estimado de 4,3 millóns de euros e “moi necesario para subsanar as deficiencias que presenta, como infiltracións de auga exterior que van directamente á rede para depurar, encarecendo uns custos por un caudal que debería ir ao tanque de tormentas”.

Ferreiro explicoulle a Vázquez que esta actuación depende do Concello, de Acuaes e de Augas de Galicia e que está incluída entre as previstas na ETI para a Axenda Urbana 2030 de Narón, coa previsión de acadar tamén financiación europea para sufragar un gasto tan elevado. Así mesmo, a rexedora local conversou coa conselleira sobre o saneamento da zona rural, informándoa das intervencións levadas a cabo dende o Consistorio e a empresa mixta Cosma e requerindo a colaboración da Xunta, ao igual que se fai noutros concellos, para axilizar a execución de parte dos traballos pendentes nestes núcleos da cidade.

“Ano tras ano destinamos nos orzamentos unha partida para continuar avanzando na implantación da rede de saneamento e abastecemento nas diferentes parroquias do rural, onde estimamos que quedan actuacións por acometer por un importe que en conxunto pode ascender a uns dez millóns de euros, unha contía inasumible a curto prazo para as arcas municipais”, recalcou Ferreiro, valorando o compromiso dunha futura colaboración nese ámbito, tan importante para a cidade.

A maiores tamén se tratou o tema da limpeza de cauces fluviais ao seu paso polo termo municipal, co fin de mantelos nas mellores condicións posibles e evitar riscos, asunto sobre o que se está traballando dende a administración autonómica, segundo indicaron. Ao remate da xuntanza Ferreiro entregoulle a Vázquez un dossier informativo no que se recollían as cuestións tratadas na reunión.

A alcaldesa valorou “o clima de coordialidade e a receptividade da conselleira para escoitar as necesidades da nosa cidade” e amosou a súa confianza en que “a Xunta tamén se implique coas veciñas e veciños de Narón para cofinanciar actuacións como o saneamento, tal e como fai noutros concellos para poder incrementar os servizos á cidadanía”.

Lea también

Los bomberos de Narón sofocaron un incendio en una vivienda de la calle San Benigno

Los bomberos de Narón realizaron una intervención cerca de las diez de la noche de …