A área de Igualdade da Deputación da Coruña impulsou con motivo do 25N de 2020 a campaña «De Fronte á violencia de xénero». Charlas, traballo cos colexios, actividades de concienciación cidadá e especializadas na abordaxe do maltrato compoñían unha programación encadrada no Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller.
Porén, o programa foi ampliándose e agora, cinco anos despois de botar a andar, abrangue practicamente todo o ano ofrecendo recursos de todo tipo, como guías e procedementos, literatura, ensaios ou palestras en formato vídeo-podcast con persoas expertas en distintas materias relacionadas.
Unha destas charlas vai gravarse este xoves 23 pola mañá -11:00 horas- na Casa da Xuventude de San Sadurniño. Estará centrada nas vertentes dixitais da violencia sexual e nela participarán a investigadora Nerea Barjola e a profesora da UCM Elisa García-Mingo, coa moderación da experta en igualdade Priscila Retamozo. A entrada é libre, pero prégase puntualidade para non retrasar o inicio da gravación, que estará dispoñible posteriormente na canle de Youtube da Deputación de A Coruña e na de De Fronte.
Priscila Retamozo é coordinadora do proxecto educativo «Comando igualdade» e presentadora e directora da canle de entrevistas «Histérikas histórikas«. Ela encargarase de introducir e darlle pé á conversa con Nerea Barjola, que ademais de politóloga é doutora en feminismos e xénero especializada no tratamento que fan os medios dos crimes sexuais e, nomeadamente, coa maneira en que estes perpetúan o aleccionamento contra a liberdade das mulleres. Elisa García Mingo, pola súa banda, tratou desde a investigación sociolóxica a misoxinia que se dá no contexto dixital.
As tres falarán, principalmente, da violencia sexual e como se traslada ao ámbito da comunicación dixital das redes sociais e plataformas de contidos. Espazos virtuais que contribúen polo seu alcance masivo a reproducir e normalizar comportamentos machistas e violentos.
A gravación comezará a iso das 11:00h e con entrada libre na sala de conferencias da Casa de Xuventude -na Praza Ramón Díaz Raña- e será o cuarto vídeo dunha serie de cinco da programación de De Fronte, unha iniciativa que naceu vinculada á celebración do 25N «pero que agora se estende máis aló desta data, proporcionando ferramentas e materiais pedagóxicos para traballar na prevención, reparación e eliminación das violencias machistas», apuntan desde o equipo coordinador.
Todas as actividades e materiais -incluidos os vídeo-podcast- están dispoñibles na web defronte.gal, moi aconsellable como repositorio informativo para decatarse da dimensión do problema das violencias machistas e tomar conciencia sobre como acabar con elas dunha vez por todas.