A concelleira de Ensino, Olga Ameneiro, anunciou a apertura, este martes 21 e ata esgotar prazas, da Escolas de Familias do Programa Municipal de Educación Extraescolar (Promedex). A actividade diríxese a familias de Narón con fillos escolarizados nos centros de ensino da cidade. As solicitudes poden presentarse a través da Sede Electrónica de Narón, no rexistro municipal ou a través de calquera dos lugares e rexistros establecidos nos artigos 14.1 e 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Hai un total de 60 prazas (un máximo de 20 persoas por grupo) e crearanse un total de tres grupos: un para familias das escolas infantís (que se impartirá na escola infantil municipal da Solaina os últimos mércores de cada mes de 16:15 a 18:15 horas), outro para as de ESO e bacharelato (no centro cívico social do Alto os mércores de 18:30 a 20:30) e outro para as de educación infantil e primaria (no centro cívico social da Solaina os venres de 9:30 a 11:30 horas).
A taxa establecida para esta actividade é de 8,15 euros ao mes por familia, tal e como se regula na ordenanza fiscal número 15. Os contidos a abordar durante as sesións, que se impartirán dende o mes de febreiro ata maio deste ano, divídense en tres grandes bloques: día a día, creando lazos afectivos e temas a debate. Deste xeito, falarase de estratexias e técnicas básicas para resolver conflitos cotiás, traballar estratexias de control de estrés e outras cuestións de interese para os participantes.
A comunicación afectiva, o autocoidado e Benestar emocional, o cerebro infantil e adolescente, como guiar no estudo, a tolerancia á frustración, como falar de sexualidade e celos entre irmáns serán algúns dos temas a abordar nas sesións. Ao remate da convocatoria, no mes de xuño, levarase a cabo unha xornada de convivencia con todas as familias participantes, tal e como avanzou a concelleira naronesa.
As persoas interesadas poderán dirixirse ao Servizo Sociocomunitario do Concello de Narón, teléfono 981337700, Ext. 1108/1109 e 1122.