Narón retoma os programas Apego e Guizo

O Concello de Narón retoma a través da concellaría de Política Lingüística, dirixida pola edil María Lorenzo, as actividades dos programas Apego e Guizo, cunha gran variedade de propostas para nenos que se desenvolverán entre os meses de xaneiro e xuño deste ano.

A edil naronesa recordou que se trata de propostas de balde pero que requiren inscrición previa a través do Servizo de Normalización Lingüística de Narón. A primeira das propostas de Apego tivo lugar na xornada do pasado mércores, cando o Centro Cívico Social de San Xiao acolleu ás 17:00 horas o espectáculo Nano canta croac, de Raquel Queizás, un corto musical para axudar aos máis pequenos a expresar como se senten.

Este programa continuará o día 29 deste mes, con “O cociñeiro Antón e a pasteleira Tomasa”, de Calavera Teatro, unha historia de amor entre os dous no que o seu traballo xogará un papel fundamental. No mes de febreiro continuará Apego con “Levántate Xan”, de Caxoto, o día 12, unha función chea de animais e pequenas historias do día a día na granxa de Xan e o 26 poderase ver “De conxuros e música”, de Arkhé, un obradoiro musical para familias.

En marzo haberá outras dúas propostas, “Laura e a randeeira espacial”, de Rocío Ovalle, o día 12, sobre unha nena que quere ser astronauta, e “As aventuras de Mariña”, de Alba Bermúdez, o día 19, protagonizado por unha nena á que lle gusta moito o mar e os animais que nel habitan. No mes de abril o programa Apego propón “Garavanciño”, con Bea Campos, o día 9, unha proposta teatral infantil con monicreques e cancións, e “Canto traballo, que divertido!”, de Esperanza Mara, o día 23, un contacontos sobre os traballos do campo e da casa.

Finalmente, en maio poderase asistir a “Tralará”, de Marta Ortiz, un espectáculo que aúna narración oral, música e teatro, o día 7 e na xornada do 21 “Contos para caghar patatillas”, de Brais das Hortas, con música, clowns e contos. As diferentes propostas de Apego diríxense a menores de entre 0 e 6 anos, en función do espectáculo, e terán lugar en todos os casos no Centro Cívico de San Xiao a partir das 17:00 horas.

A maiores, tal e como avanzou a concelleira de Política Lingüística, terán lugar dende este mes e ata xuño seis propostas do programa Guizo, para mellorar a socialización das nenas e nenos en galego, en todos os casos ás 11:00 horas no Centro Cívico Social do Couto. Este mesmo sábado terá lugar a primeira, “Orientación e supervivencia na natureza”, de Ventos, cunha parte teórica e outra máis práctica sobre a preparación de saídas á natureza. O día 15 de febreiro programouse “Descubrindo o mundo coa microbioloxía”, de Fanny Medioambiente, un obradoiro para iniciarse na microbioloxía.

En marzo haberá un obradoiro para aprender a elaborar perfumes vexetais, a cargo de Ventos, o día 15 e esta mesma firma impartirá outro sobre achegamento aos insectos, no que se construirá un hotel para insectos para fomentar a biodiversidade na xornada do 5 de abril. As dúas últimas propostas do programa Guizo para o primeiro semestre do ano serán o 10 de maio, con “Ecoagasallomarionetas”, de Eduvía, no que os participantes crearán marionetas con materiais de refugallo, e “Cianotipia polo San Xoán”, de Alouette Machine, o día 21 de xuño, para que as familias elaboren fotocomposicións a partir da luz solar e a auga.

As actividades do programa Guizo diríxense a menores de 6 a 12 anos e ás súas familias. Ao igual que no caso do programa Apego, require inscrición previa, debendo tramitala a través do correo electrónico a.pita@naron.gal, a onde se debe enviar o nome da actividade na que se desexa participar, o do neno ou nena e a súa idade, o nome do pai, nai ou persoa que o acompañará, un enderezo electrónico e un teléfono de contacto.

A información ao completo de todas estas propostas pode consultarse a través da web: www.naronengalego.gal e www.apego.gal.

Lea también

Los jugadores del Racing Club Ferrol visitan en Narón al CEIP de Piñeiros

Con nervios, ilusión y, sobre todo, muchísimo cariño han recibido en la mañana de este viernes …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *