As concelleiras de Política Lingüística, María Lorenzo, e de Turismo, Natalia Hermida, presentaron a guía “En Narón, galego viaxeiro” (galego de supervivencia para as persoas viaxeiras) editada polo Consistorio e dirixida ás persoas que visitan Narón e queren probar a expresarse en galego durante a súa estadía.
A iniciativa está impulsada pola Concellaría de Política Lingüística, a través do Servizo de Normalización Lingüística, e vencellada á área de Turismo.
Os textos da guía, da que se editaron 500 exemplares e que se pode descargar a través dun código QR, están escritos en galego, español e inglés e con vocabulario e fraseoloxía útil para empregar en bares e restaurantes; para coñecer xente; para preguntar por algún enderezo; para visitar os lugares emblemáticos do municipio; para saber como se chaman os animais, árbores ou plantas que podemos ver no contorno ou para falar sobre o socorrido tema do tempo. Así mesmo, tamén se recollen no documento refráns e expresións populares, que buscan facilitar unha experiencia única aos e ás turistas que ademais de coñecer Narón, queren vivir unha aventura lingüística.
As persoas viaxeiras que visitan Narón poderán atopar esta guía na Oficina de Turismo (durante os meses de verán nos que estea operativa), no CIMIX, no Pazo da Cultura, e en diferentes hoteis e hostais da cidade (Pazo Libunca, Hotel Valcárcel, Hotel Odeón, hostal La Casa de la Abuela ou hostal Aida). Tamén se pode descargar a través do enlace https://naronengalego.gal/dinamizacion/#galego-viaxeiro.
As edís de Política Lingüística e Turismo destacaron esta nova ferramenta que xa está á disposición da cidadanía e que confían que sexa de gran utilidade para todas as persoas que a precisen. Ao respecto, María Lorenzo destacou tamén “a firme aposta do Concello por defender, conservar e divulgar o noso maior patrimonio, que é a lingua galega”.