O prazo para que artistas, empresas e compañías inscriban os seus espectáculos estará aberto ata o 6 de febreiro. A institución provincial financiará entre un 30 e un 75 por cento dos espectáculos, dependendo do número de habitantes de cada municipio.
A Rede Cultural da Deputación de A Coruña terá en 2025 un orzamento de 1.975.000 de euros. Os concellos deberán solicitar actuacións entre o 18 de marzo e o 1 de abril. A resolución de adxudicación dos espectáculos comunicarase nunha terceira fase, antes do 22 de abril de 2025, no caso dos concellos, e antes do 22 de maio de 2025, no caso das entidades. Os espectáculos celebraranse no ámbito territorial da provincia da Coruña durante o ano 2025 e ata o 31 de marzo de 2026.
Como en anteriores anos, o catálogo da Rede Cultural nesta edición estará formado por catro programas: ‘¡Escena ao vivo!’ (espectáculos profesionais de teatro e monicreques, maxia, danza e música), ‘Visións‘ (cinema e contidos audiovisuais), ‘Lingua a Escena!’ (espectáculos profesionais de música, teatro, danza, narración oral e monicreques con contidos específicos orientados á dinamización social da lingua galega) e ‘Alicerce’ (espectáculos de grupos de música, danza e teatro non profesionais). No caso de ‘Alicerce’, ademais dos concellos, poderán contratar propostas artísticas non profesionais as entidades da provincia sen ánimo de lucro que teñan entre as súas finalidades a promoción da cultura.
«Seguimos facilitando un relevante espazo de programación artística que ten como obxectivo principal garantir unha oferta diversificada e de calidade en toda a provincia e que, polo tanto, orientamos de tal xeito que favoreza a capacidade dos concellos coruñeses para desenvolveren propostas culturais atractivas para os seus veciños», destacou a deputada de Cultura, Natividade González.
González lembrou que en 2024 a Rede Cultural programou 1182 espectáculos, que chegaron a 91 localidades do territorio, “en beneficio non só da veciñanza, pois tamén ofreceron un circuíto de traballo moi relevante para os sectores profesionais da cultura galega».
As bases da convocatoria está publicadas no Boletín Oficial da Provincia do 16 de xaneiro.