A estrada é o principal enlace da zona urbana co campo de fútbol e a piscina municipal.
O Concello de San Sadurniño asinou recentemente o contrato para a execución das obras de mellora da pista que enlaza o Campo da Feira coa área deportiva dos Currás. Un proxecto que consistirá no ancheado da estrada, o soterrado das canalizacións e na extensión dunha nova capa de aglomerado que incremente a durabilidade e a seguridade de todo este eixo viario, un dos máis utilizados da zona urbana de San Sadurniño, sobre todo nas fins de semana e no verán.
Da obra encargarase a empresa José No Mantiñán en Hijos Construcciones S.A. tras impoñerse a outras dúas ofertas cunha proposta de 85.789 euros, o que supón unha rebaixa de 5.500 euros do prezo base da licitación.
A pista sobre a que se vai intervir comeza no cruzamento da Capela do Belén -no Campo da Feira- e chega até o aparcadoiro das instalacións dos Currás cubrindo un trazado de 840 metros de lonxitude polo que se serven diariamente os veciños dunha vintena de vivendas, ademais de moitas persoas usuarias do campo de fútbol e, no verán, tamén da piscina municipal.
Foi precisamente o uso intensivo deste acceso nos últimos anos o que propiciou a aparición de baches e irregularidades e tamén a razón de que o Concello apostase por un proxecto que fose máis aló dunha simple reparación. De aí que se deseñase unha actuación para cambiar o firme por outro máis duradeiro e tamén para incrementar o ancho actual, “que permita que dous coches se crucen sen ter que facer demasiada manobra”, tal e como explica o alcalde, Secundino García. O rexedor lembra, ademais, que o arranxo “moi necesario” desta pista foi tamén “unha petición veciñal á que agora lle imos dar resposta”.
Na redacción do proxecto explícase que, en xeral, o firme presenta un bo estado estrutural e só en determinados puntos empeza a mostrar sinais evidentes de desgaste. Ademais tamén se apunta que ao longo do trazado é necesario igualar a planimetría, co obxectivo de darlle maior regularidade e, de paso, un ancho uniforme.
Así, a obra, “de comezo inminente”, asegura García Casal, iniciarase coa limpeza de toda a superficie da calzada e tamén dos sedimentos acumulados en cunetas e taxeas. Posteriormente sanearanse os despefectos e, por último, botarase unha nova capa a base de aglomerado asfáltico de 5 centímetros de grosor.
A pista ganará 45 centímetros por cada lado, pasando de 3,5 a 4,4 metros. Ese sobreancho obrigará a soterrar parte da cuneta na zona máis elevada, para o que será preciso instalar novas tubaxes e rexistros. Ademais tamén se prevé nivelar correctamente os puntos que dan acceso ás viviendas e fresar unha pequena parte do pavimento ao pé da capela para que o abano de enlace con Marqués de Figueroa sexa imperceptible.
A obra, orzamentada en 91.355,80 euros, impostos incluídos, adxudicouse finalmente en 85.789, que se financiarán con cargo a un dos plans adicionais de 2024 da Deputación da Coruña.