A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Obras Pablo Mauriz, mantiveron este mércores 15 unha xuntanza no Concello coa deputada provincial Mónica Rodríguez, responsable da área de Infraestruturas Viarias e Obras Provinciais, para abordar, entre outros temas, o estado actual das estradas provinciais en Narón. Ao encontro asistiron tamén o arquitecto municipal e persoal técnico da administración provincial.
Ferreiro trasladou a Rodríguez a importancia de actuar nos viais de titularidade provincial desta cidade. Un deles é a avenida Souto Vizoso, para cuxas melloras o Concello se comprometeu a realizar unha memoria e un proxecto no que se contemplen as obras necesarias e que posteriormente executaría a Deputación da Coruña para a posterior transferencia da titularidade do vial ao Concello de Narón. Así mesmo, a alcaldesa abordou coa deputada o estado da estrada do Feal (DP-5407), sen beirarrúas e moi estreita para a que hai un proxecto provincial que non se axusta ao actual PXOM.
Ferreiro informou a Rodríguez do estado actual dos trámites do novo PXOM, en fase de contestación das alegacións presentadas trala súa aprobación inicial no pleno, e recordou que facer unha modificación puntual para adaptalo levaría moitos meses. Ante esta situación, insistiu en que a través da Lei de estradas de Galicia os traballos se poderían axilizar.
A deputada provincial destacou a necesidade de actualizar o proxecto, que data de 2017, e solicitou á rexedora local que enviase por escrito a súa proposta para a súa avaliación por parte dos servizos técnicos do departamento provincial de Vías e Obras, tal e como se realizará dende o Consistorio, que conta xa cunha partida específica par cofinanciar os traballos que lle corresponderían nese vial, relacionados con servizos de abastecemento e saneamento.
A maiores, dende a o Concello a alcaldesa interesouse o proxecto de construción dunha senda en Santa Margarita, na parroquia do Val, para a que ogoberno local enviou o pasado ano un proxecto á Deputación que xa está sendo avaliado polos técnicos. Neste ámbito, a deputada de Vías e Obras anunciou tamén á alcaldesa que a Deputación está xa redactando o proxecto para construír outra senda peonil na parroquia de Sedes.
A alcaldesa destacou ao remate da xuntanza a cordialidade da mesma e a receptividade da deputada provincial para coñecer de primeira man o estado das vías provinciais e tamén de novas infraestruturas como as sendas.