O Café Teatro do Pazo da Cultura de Narón acollerá este sábado, día 18, o videoforum “Matronas”, unha convocatoria que conta coa colaboración co Concello de Narón e que organiza a asociación Bbtta, segundo avanzou a edil de Benestar Social, María Lorenzo.
As persoas interesadas en asistir poden inscribirse no correo bbttarrss@gmail.com, debido a que o aforo é limitado, aínda que poderán coller as entradas de balde no despacho de billetes do Pazo.
A través deste videoforum, que dará comezo ás 10:00 horas, porase en valor o papel que xogan as matronas na vida das mulleres, especialmente na etapa perinatal, tal e como indicaron dende a entidade. Así mesmo, a asociación aposta por visibilizar a necesidade de garantir unha atención de calidade ás mulleres e ás súas crianzas durante o embarazo, no parto e no posparto.