A programación do primeiro trimestre de 2025 no Pazo da Cultura traerá a Narón a recoñecidos profesionais das artes escénicas. Carlos Blanco, Xosé Antonio Touriñán, Silvia Abril, Luma Gómez, Toni Acosta e Alberto San Juan subiranse ao escenario para representar algunhas das representacións programadas para o vindeiro ano, tal e como avanzou a alcaldesa e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro.
O mes de xaneiro comezará coa representación da comedia Las bodas de Fígaro -os días 10 e 11-, da compañía Unahoramenos Producciones e continuará o domingo 12 cunha proposta de teatro infantil, Un traje nuevo para el emperador, de La Pera Limonera. Ese mesmo mes haberá catro pases, entre os días 17 e 19, de Somos Criminais e punto final, con Carlos Blanco e Xosé Antonio Touriñán, da man de Ainé Produccións SL. Na xornada do 25 haberá un concerto de música folk tradicional, a cargo de Os do fondo da barra, que traen a Narón o seu primeiro traballo discográfico, Banzo. Con teatro rematará a programación de xaneiro, concretamente coa representación da comedia
Las asambleístas (Las que tropiezan), de El Terrat, o día 26, con Silvia Abril entre o elenco, e coa peza de teatro musical As fillas bravas de Momán, do Grupo Chévere, o día 31.
No mes de febreiro programáronse catro representacións, a obra de monicreques Rosalía a pulga que escribía, o día 2 para público familiar e infantil, e a peza de teatro musical Mangoreté, con Desirée Pillado e Bea García o día 8. As dúas seguintes citas serán o 15, co drama Guerra, de Teatro do Noroeste, e a ópera Rigoletto, de Almamahler, o día 22.
A actriz Toni acosta será a primeira en subirse ao escenario do Pazo no mes de marzo, o día 7, para representar a obra que abrirá o Festival Internacional do Monólogo Teatral Singular, Una madre de película, da compañía Pentación. O festival continuará ese mes coa peza de teatro contemporáneo O Deus do pop, de Diego Anido, o día 8; As verbas de Luisa, o día 9, de Manuela Varela; La 4TA Lucía, da compañía cubana Aire Frío, o día 14; a comedia musical Macho grita, con Alberto San Juan o día 15 e a obra de teatro xestual Kyoki, da compañía Elefante Elegante, o día 16. O festival Singular continuará a seguinte semana, con Pequenas mentiras para contar grandes verdades, de Chévere, o día 21 de marzo; Hoy tengo algo que hacer, de Teatro del Barrio, o día 22; e a sesión de contacontos Contos para entender(nos) mellor, de Cris de Caldas, o día 23. Na última fin de semana de marzo terán lugar os tres últimos espectáculos de Singular: La Celestina, unha traxicomedia da compañía arxentina Rey Maciali Producciones, o día 28; o espectáculo de narración oral Vicio houbo sempre, de Atenea García, o día 29 e a proposta de monicreques Lúa quere viaxar a… Marte!, de A Xanela do Maxí, o día 30.
As entradas para estes espectáculos poden adquirirse no despacho de billetes do Pazo o una web do Padroado da Cultura: www.padroadodecultura.es.