O Concello de Narón reforzará a súa loita contra o acoso escolar coa instalación ao longo deste mes de varios puntos informativos nos que se repartirá material para dar a coñecer os recursos preventivos nesta materia. Así o avanzou a concelleira de Ensino, Olga Ameneiro, que indicou que este venres 10 de xaneiro dará comezo esta iniciativa coa instalación deste punto no Centro Comercial Odeón entre as 17:30 e as 19:30 horas.
A campaña continuará o xoves 16 nas instalacións da Piscina Municipal entre as 17 e as 19 horas e o xoves 23 o punto informativo ubicarase no propio Concello de Narón entre as 11 e as 13 horas.
A prevención do acoso escolar e a posta a disposición da cidadanía das ferramentas existentes para detectalo e combatilo son dous dos obxectivos deste servizo. Persoal especializado nesta área encárgase de atender o punto informativo, asesorando ás persoas que se acheguen a recibir información e tamén ofrecéndolles a información dispoñible.
Aquelas persoas interesadas en recibir máis información poden contactar co Servizo Sociocomunitario Municipal, a través do número de teléfono 981 337 700 (extensións 1108, 1109 e 1122) ou escribindo un correo electrónico á dirección: omix@naron.gal.