Formoso destaca que o legado do autor e político rianxeiro trascende o tempo e as ideoloxías.
A Igrexa de San Domingos de Bonaval foi o 7 de xaneiro o escenario dunha homenaxe a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao no 75º cabodano do seu pasamento. O acto, organizado pola Fundación Castelao, o Consello da Cultura Galega e o Museo do Pobo Galego, congregou a representantes institucionais, culturais e sociais de toda Galicia para lembrar a un dos maiores expoñentes da identidade galega.
Durante a súa intervención no acto, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destacou a vixencia do legado de Castelao como escritor, artista, pensador e político. “Setenta e cinco anos despois do seu pasamento, a súa luz non só segue viva, senón que continúa guiándonos como galegos e galegas comprometidos co progreso, coa liberdade e coa cultura”, afirmou.
O acto serviu para pór en valor a contribución de Castelao á defensa da lingua, da cultura e da identidade propia de Galicia. Formoso lembrou que o rianxeiro, coa súa obra e pensamento, “retratou con mestría tanto as inxustizas sociais como a dignidade colectiva do pobo galego”. Ademais, destacou o seu papel na defensa do Estatuto de Autonomía de Galicia e na fundación en Montevideo do Consello de Galicia, que “mantivo viva a chama da galeguidade” no exilio.
“Cando os retos da globalización poñen a proba a nosa identidade, as palabras e os debuxos de Castelao recórdannos que ser galegos é o noso maior orgullo, e que defender a nosa lingua e cultura é proxectarnos ao mundo desde as nosas raíces”, engadiu Formoso.
O presidente también subliñou que Castelao “non pertence a un tempo, un partido ou un grupo”, senón que é “un símbolo de unidade e inspiración”. “Castelao é contemporáneo e é universal, unha figura senlleira do noso país que convoca e une a todos os galegos e galegas”, afirmou o presidente .
Formoso citou as palabras nas que Castelao afirmou que “o verdadeiro heroísmo consiste en trocar os anceios en realidades, as ideas en feitos” e considerou “segue sendo hoxe unha das mellores definicións do que debe ser a política”, facendo un chamamento a “seguir traballando xuntos para converter os soños nun futuro mellor”.
Este acto de conmemoración reafirma o compromiso das institucións e o mundo da cultura galega coa memoria e o legado de Castelao, que setenta e cinco anos despois do seu pasamento, segue a ser unha figura clave para entender e proxectar a identidade de Galicia no mundo.