Pode a humanidade acadar a capacidade de redeseñarse a si mesma a través da tecnoloxía, ampliando as súas capacidades físicas e intelectuais? Como poderemos relacionarnos cunhas intelixencias artificiais cada vez máis libres? Estas son algunhas das cuestións de fondo filósofico que se poderán debater na presentación do libro ‘El transhumanismo en 100 preguntas’, de Manuel Sanlés Olivares.
Este venres, 10 de xaneiro, a partir das 19:30 horas, o autor conversará con Alma Barrón, concelleira de Cultura de Ares, arredor da súa obra, un conxunto de reflexións en formato de pregunta-resposta arredor do transhumanismo e os dilemas tecnolóxicos –e, polo tanto, tamén sociais, económicos, políticos e filosóficos– do século XXI.
‘El transhumanismo en 100 preguntas’ aborda os principais cambios que deberá afrontar o ser humano mellorado tecnoloxicamente, incorporando dispositivos que aumenten as súas capacidades físicas, psicolóxicas e intelectuais, dende unha perspectiva ética, amais de pensar o vínculo coas intelixencias artificiais. Todo baixo unha linguaxe divulgativa para favorecer o intercambio de coñecemento.
Manuel Sanlés Olivares é licenciado en Filosofía e Ciencia da Educación pola Universidade Complutense de Madrid (UCM) e na actualidade éProfesor do Colexio Altair Internacional na mesma cidade, despois de traballar na Ensinanza Secundaria en centros educativos de Navarra ou País Vasco. Tamén exerce de presidente da Sociedade Española de Profesores de Filosofía (SEPFi).