A cabalgata polas rúas podería estar condicionada pola meteoroloxía, aínda que se manterá con seguridade o encontro coas Súas Maxestades no Auditorio e a chocolatada posterior
O Concello de Cedeira ten todo organizado para celebrar a cabalgata dos Reis Magos este domingo, día 5, saíndo ás 18.00h do CEIP Nicolás do Río para facer un percorrido polas principais rúas da vila e dirixirse ao Auditorio, onde a partir das 19.00h ten previsto encontrarse cos nenos e recoller persoalmente as dúas cartas. En caso de choiva, informan desde o Concello, Melchor, Gaspar e Baltasar poderían acurtar o percorrido ou ben dirixiranse directamente ao Auditorio e prolongar alí a súa cita coas crianzas.
En principio, o percorrido polo centro irá desde o CEIP polo Camiño Real da Madalena, collerá a rúa San Sadurniño e tomará despois a avenida de Castelao, para facer a habitual volta polas pontes sobre o río Condomiñas. O programa das Súas Maxestades de Oriente en Cedeira abranguerá o encontro no Auditorio ás 19.00h -que se adiantará en caso de choiva- e tamén unha festa con chocolatada incluída a partir das 19.30h nas instalacións do colexio Nicolás do Río.
Por outra banda, o goberno local ten tamén previsto celebrar a verbena de Reis na noite anterior, do sábado para o domingo. De momento a cita mantense, se ben é posible que sexa preciso suspendela pola meteoroloxía, en cuxo caso informarase a través da canle “Cedeira Informa” e das redes sociais. En principio, a cita é a partir das 23.30h na carpa instalada na praza Roxa, coa actuación da orquestra Fania.