A Cabalgata de Reis de Narón incorpora o vindeiro domingo un tramo sen ruido no seu percorrido pola estrada de Castela na zona de Piñeiros, concretamente o comprendido entre o cruce da estrada do Feal e Autos Paco. A iniciativa está pensada para aquelas persoas con trastorno do espectro autista (TEA) e sensibilidade sensorial elevada, co fin de que poidan tamén desfrutar da xornada.
A previsión inicial é que a comitiva das sete carrozas parta este domingo ás 18:00 horas da praza do colexio de Xuvia, percorrendo a estrada de Castela os tres Reis Magos xunto co resto de participantes e protagonistas tamén dos espectáculos que se levarán a cabo pola estrada de Castela ata chegar á praza de Galicia. Ao seu paso, estará prohibida a circulación no tramo, debendo empregar os vehículos rutas alternativas.
En caso de choiva, tal e como indicou o Concello, suprimirase o percorrido pola estrada de Castela e haberá a partir das 18:30 horas espectáculos baixo a carpa da praza de Galicia, onde ás 19:30 horas chegarán os Reis Magos.
Dende o Concello de Narón informarase debidamente da decisión final, en función das condicións meteorolóxicas do momento, a partir das 15:00 horas do propio domingo a través da páxina de Facebook do Concello e do servizo de comunicación por Whatshapp Novas Narón. Así mesmo, persoal da organización contactará telefónicamente coas familias dos paxes que irán nas carrozas