Sete carrozas e diversos espectáculos forman en Narón a Cabalgata de Reis

A praza do colexio de Xuvia será un ano máis o punto de partida da Cabalgata de Reis organizada polo Concello de Narón. Este domingo 5 a alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, encargarase de recibilos nesa ubicación minutos antes das 18:00 horas, para comezar a continuación un percorrido pola estrada de Castela que os levará ata a praza de Galicia, para reunirse coas nenas e nenos da cidade.

Sete carrozas e varias propostas artísticas caracterizan este espectáculo de gran formato, “A maxia da noite estrelada”, un desfile de fantasía e lenda onde as estrelas guiarán as carrozas. Será precisamente a carroza da lúa e as estrelas a encargada de guiar á comitiva dos Reis Magos pola cidade, acompañados por un gran anxo alado e varias estreliñas.

De seguido irá a mensaxeira real, que levará consigo as ilusións dos máis novos e fará que lles cheguen aos Reis Magos de Oriente todas as cartas que escribiron. A terceira das carrozas será a de Melchor e o branco Nadal, con acróbatas e contorsionistas e zancudos, seguida da de Gaspar, que irá acompañado dunha máxica esfera lunar, zancudos e unha lúa xigante.

O rei Baltasar pechará o combo das Súas Maxestades, con fadas de luz nas súas ás que recrearán as estreliñas da noite. A comitiva inclúe unha carroza de Aladín, unha das novidades deste ano, para recordarnos que nestas datas a maxia pode estar máis preto do que imaxinamos. Aladín, Jasmine, un elefante xigante, un xenio zancudo e un grupo de personaxes orientais forman parte deste combo.

A continuación irá a Maruxaina, unha serea acompañada polo séquito do capitán Nemo, que inclúe seis grandes medusas luminosas e un pasarrúas. A última carroza é a do carbón, cun carboeiro e os seus axudantes. A amenización musical correrá a cargo da Banda de gaitas do Padroado da Cultura de Narón e a Xove Banda de Narón da Asociación Cultural Musical Sementeira, e tamén haberá espectáculos de danza, con escolas de Narón e Ferrol, tal e como indicaron dende a organización.

Unha vez na praza de Galicia, os Magos de Oriente dirixiranse ás nenas e nenos antes de falar con eles para escoitar os seus desexos e peticións de cara ao día de Reis. Dende o Consistorio recordouse que ao paso das carrozas pola estrada de Castela, haberá restricións no tráfico rodado, debendo empregarse rutas alternativas que estarán debidamente indicadas

Lea también

Marta Grandal, reelexida responsábel local do BNG de Narón

O BNG de Narón, na Asemblea celebrada ao remate do 2024, renovou os membros do …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *