Melchor, Gaspar e Baltasar pasarán polas casas de todas os nenos do mundo na noite do domingo para o luns, deixándolles agasallos a varrer e bos desexos para este ano que comeza. Porén, antes da viaxe nocturna, os Magos de Oriente multiplicarán a súa presenza na comarca e mesmo chegarán a algúns lugares antes das tradicionais cabalgatas, co obxectivo de encontrarse coa rapazada e escoitar as súas peticións.
Ese será o caso de San Sadurniño, onde os tres reis pararán na tarde deste sábado 4 de xaneiro a iso das 18:45h no Ximnasio do CPI. Para recibilos como merecen, o Concello preparou unha festa de benvida a partir das 17:00h na que haberá música, un castelo inchable e tamén chocolatada.
Da animación encargarase, un ano máis, o equipo de La GuaGua. Comezarán con distintos obradoiros para a rapazada máis pequeniña e, posteriormente, como anticipo do grande momento da entrada real, tamén teñen preparado o seu sempre exitoso Canta-baila cunha chea de músicas e coreografías para que participe toda a familia.
Ademais, unha parte do ximnasio do CPI estará ocupada por un un grande tobogán inchable onde os nenos poderán saltar canto queiran ao longo das practicamente dúas horas que durará a festa.
Igual que en ocasións anteriores, durante a festa de benvida aos Reis Magos de Oriente servirase chocolate quentiño cun rico roscón.
O intre máis agardado producirase aproximadamente ás 18:45h coa chegada de Baltasar, Melchor e Gaspar. Os tres Reis Magos de Oriente pararán en San Sadurniño dentro dunha apretada axenda que os ten percorrendo a comarca -e o resto do mundo- durante os días previos á súa viaxe nocturna do domingo para o luns.
As SS.MM. traerán presadas de caramelos e a mellor disposición para escoitar e anotar todo o que os nenos lles teñan que dicir, case sempre peticións de última hora ou recordatorios do contido das cartas enviadas hai uns días.
“Polo Nadal, consumo local” sortea as cestas este venres
A festa de Reis poralle o ramo á programación do Nadal en San Sadurniño, que tamén tivo en marcha até o día 31 de decembro a campaña de apoio ao comercio «Polo Nadal, consumo local».
A iniciativa, na que participaron 31 negocios do municipio, entregou un total de 20.000 papeletas. Os boletos entrarán no sorteo de nove cestas cargadas de produtos de proximidade, seis delas valoradas en 70 euros e outras tres cun valor unitario de 140 euros.
As persoas agraciadas coñeceranse este venres ás 12:00h nun sorteo público que terá lugar na Casa do Concello. A entrega dos premios farase o día 7 tamén ás 12:00h.