A concellaría de Deportes de Ares vén de anunciar a posta en marcha do proceso administrativo da próxima ruta do SendAres, o programa de sendeirismo do Concello.
Este xoves, 2 de xaneiro, a partir das 14:00 horas e a través da páxina web www.concellodeares.gal abrirase a inscrición telemática para o seu cuarto percorrido ás persoas empadroadas en Ares. Estará operativa ata o día seguinte, 3 de xaneiro, na mesma franxa horaria, momento onde se abrirá a reserva de prazas aos non-empadroados na localidade.
A paisaxe de Cervás protagonizará este cuarto itinerario, discurrindo polos sendeiros de costa do municipio aresán. Partirase do aparcadoiro ao carón do cemiterio da parroquia e rematará nas inmediacións do CIRS Cervás preto do mediodía, un roteiro perfecto para ollar dun xeito distinto a localidade.
O percorrido desenvolverase ao longo da xornada do domingo 19 de xaneiro, cunha distancia aproximada de 10 quilómetros e unha dificultade media. O prezo é de 5 euros e inclúe servizo de guía e seguros. Saírase a pé ás 9:00 horas e finalizará o percorrido ás 13:00 horas.
A concellaría de Deportes asignou 30 prazas para a actividade que se cubrirán por orde de inscrición, primeiro empadroados nunha marxe de 24 horas e posteriormente non-empadradoados, ata o 11 de xaneiro ás 23:59 h. ou, de darse o caso, ata o seu esgotamento.