A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, entregou este luns 23 xunto coa edil de Promoción Económica, Olga Ameneiro, as catro cestas con produtos de Nadal que se sortearon no marco da Campaña Merca Nadal en Narón. Dúas veciñas de Narón, Lucía Gómez Vega e Eli Parapar Mauriz; unha de Ferrol, Lucía García Veira, e unha de Monfero, Eva Rey Faraldo, foron as gañadoras das cestas, polas compras realizadas nos establecementos Libraría Day, Óptica Valero, Ferretería FIR e Zapatería García.
A maiores, tamén se entregou o premio ao establecemento mellor decorado exteriormente a Cande Interiorismo, que recolleu Lucía Fernández Fraguela, propietaria do establecemento, e que consiste nunha nova decoración exterior de balde a cargo dun profesional no sector.
A campaña Merca Nadal en Narón iniciouse o pasado 2 de xaneiro e rematará o vindeiro domingo día 29. A maiores dos premios entregados no Concello, tamén se sortearán nos vindeiros días tres vales de compra por importe de 400, 600 e 1.000 euros. As persoas que resulten gañadoras recibirán o vale o luns día 30 nun acto que se levará a cabo no Consistorio e terán que gastalo en alomenos tres dos establecementos adheridos a esta campaña nas xornadas do 2 e 3 de xaneiro, acompañadas por persoal da organización unha vez que se acorden as tres quendas para poder facelo.
A alcaldesa e a edil de Promoción Económica agradeceron a colaboración, un ano máis, da Asociación de Comerciantes de Narón para poder levar a cabo esta campaña, co fin de impulsar o comercio local da cidade. Así mesmo, recordaron ás premiadas coas cestas e ao resto da veciñanza de Narón e comarca que están aínda a tempo de participar na campaña e gañar algún dos vales de compra depositando as papeletas que se entregan ao mercar no preto de centenar de establecementos da cidade adheridos.