E Pontedeume foi Belén-( José Fonte Sardiña)

José Fonte Sardiña

Eu, como Ramiro Fonte, meus irmáns e logo tamén os meus fillos e sobriños, “sentíame enfeitizado polos nacementos xa de ben cativiño. Na nosa tradición, as historias da Natividade de Xesús non se representan nun escenario desértico, o que sen dúbida resultaría máis verídico. Os montes e os vales reproducen, con simple fidelidade, un territorio familiar. Só lles faltan os nomes das nosas aldeas para imaxinar que un pode facer agradables excursións polos sendeiros de serraduras” (Ramiro Fonte: “Os meus ollos”, Vigo, 2003, p. 87; “Mis ojos”, Hércules de Ediciones, A Coruña, 2024, p. 78) (Foto de Chus Fonte dos Reis Magos do nacemento familiar, camiñando entre musgo e serraduras, cos que xogaba de neno o seu irmán Ramiro).

Durante o Nadal a igrexa arrecendía a unha agradable mestura de incenso e flores que facía máis levadeiras as pesadas horas do catecismo e a misa […]. Os camiños de serraduras cobregueaban por unha impresionante rexión de entupida carriza. O castelo de Herodes albiscaba, desde un alto, a paisaxe invernal, de xeito semellante a como o castelo de Andrade albisca os tellados da nosa vila, perennemente vernizados de xeada no que dura o inverno. Baixo os arcos da ponte discorría, engurrada, a infeliz prata dun río. Pero era tan fermosa coma as augas do Eume que, coa marea baixa, baten nos tallamares da nosa ponte” (Idem, “Os meus ollos”, p. 89-90 e “Mis ojos”, p. 80) (Foto de Aurora Lapique da bendición do nacemento deste ano da igrexa de Pontedeume polo seu párroco don Benjamín Sevillano Gallego).

Bendición do nacemento da igrexa de Pontedeume

Como acontecía na igrexa de Pontedeume, na casa de Ramiro Fonte e penso que tamén na maioría dos fogares da vila, os personaxes representados polas figuriñas do noso nacemento familiar movíanse por un escenario que nos parecía moi real e que máis ca aquel Belén do primeiro ano da era cristiá reproducía o noso Pontedeume, cheo do
verdor cinguido do musgo, cun castelo que era unha humilde réplica do grandioso dos Andrade que mandara facer o Bo na pena Leboreira no século XIV; os outeiros lembraban o monte de Breamo e as parroquias de Andrade e Vilar; as ribeiras do cursodo río de papel de prata, as fragas e as parroquias de Ombre e Nogueirosa e da veciña
Cabanas; a ponte, a desembocadura do pai Eume na vila; e as pequenas casiñas, as parroquias costeiras de Centroña e Boebre, que traen, mesmo na toponimia, lembranzas dos tempos castrexos e prerromanos, anteriores á natividade do Neno Xesús. Era imposible non caer na tentación de sermos creadores de historias nas que se mesturaban o Neno Xesús, a Virxe, san Xosé, Herodes e os Reis Magos coa xente de Pontedeume que tamén camiñaba cara ao portal (Foto de Chus Fonte do castelo de Herodes no nacemento familiar).

Castelo de Herodes

Como nas lendas, tendemos a localizar as historias nos territorios que nos son coñecidos e amados. Se falamos dun río sempre é o Eume; o castelo, o dos Andrade; o monte sagrado, o Breamo; e a ría, a de Ares. Así situamos ao Neno Xesús na capela de San Miguel, na Noiteboa de 1187, cando se lles apareceu aos once cabaleiros templarios que a custodiaban. Contan que, naquela ocasión, as once puntas da estrela do rosetón da fachada norte pasaron a ser doce e que, ao espertaren os templarios coa alba do día, o Neno xa marchara e con El a punta da estrela que o representaba. Din en Pontedeume que en memoria do milagre o rosetón en cada Noiteboa recobra as doce puntas e que volve ter as once ao amencer (As once puntas da estrela do rosetón na capela de San Miguel de Breamo).

As 12 puntas

O nacemento da igrexa de Pontedeume, que reproduce boa parte da vila ―igrexa parroquial, ponte de pedra, fonte do Pilón, Casa do Concello, pazo de Rajoy, Mercado, Torreón, o antigo colexio de Atocha― e algúns dos monumentos principais da bisbarra ―castelo de Andrade, capela de San Miguel de Breamo ou o mosteiro de San Xoán de Caveiro― non se pode negar que é anacrónico e que non representa o Belén no que o Neno Xesús naceu hai 2024 anos, dando inicio á era cristiá. Así e todo, xa dicía con  nostalxia e moita razón Ramón Loureiro que “no tocante á miña pobre nai, cuxa voz por desgraza tamén me vai quedando cada vez máis lonxe, aínda non esquecín como os contos que nos narraba de nenos os situaba sempre nos lugares máis recoñecibles e próximos, para que nos sentísemos parte deles; e así […], o lobo feroz do que ela nos falaba sempre estaba moi interesado en asaltar o muíño do meu tío Manolo […] en Vilanova, e […] o boi en cuxa barriga se refuxiaba Garbancito pacía nun prado a carón da Casa do Forno do Pedre” (tomado e traducido de Ramón Loureiro: “Las máscaras del fin del mundo”, A Coruña, 2021, p. 31) (Foto de Aurora Lapique do nacemento da igrexa parroquial de Pontedeume con Guti, o autor das maquetas, e Luisa González Lira, Lina Iglesias Rodeiro e Tita Pérez Calvo, algunhas das colaboradoras).

Nas panxoliñas que nas casas de Pontedeume se cantaban na Noiteboa ―na miña sempre dirixidos polo meu tío Juan Sardiña e presididos pola miña avoa Jesusa Barral― e que na actualidade levan polas empedradas rúas da vila as doces voces infantís dos “Churumbeles” de Ofelia Regueira, as máis veteranas e graves dos “Trasnochadores” de
Juan Sarmiento e as académicas e rexias da “Coral Polifónica Eumesa” de Pepucho Paz Fernández, tamén se ve claramente a pegada local. Así, o Neno Xesús nace “no pendello que hai xunto ao camiño”, os agasallos que lle levan son un mantelo, un roxelo ou unha pita, os pastores cántalle un alalá, o instrumento que toca Manuel é un pandeiro e no portal non podía faltar un galeguiño para aturuxar (“Os Churumbeles” de Ofelia Regueira).

Ben sei que na nosa provincia hai nacementos con moita sona coma o da Orde Terceira en Ferrol, o da Grande Obra de Atocha na Coruña, ou en Santiago os de Conxo, San Fiz de Solovio e o napolitano da Catedral compostelá. Así e todo, a min o que máis me gusta de todos é o da igrexa parroquial de Pontedeume. Alí, Belén é unha reprodución
case exacta da nosa vila. O humilde portal onde naceu o Neno Xesús e que o acolleu a El e mais aos seus pais María e Xosé, quentados polo doce alento da mula e o boi ―os habitantes cotiáns daquela corte―, é a nave do Evanxeo da maqueta da igrexa parroquial coas súas tres impresionantes torres (Foto de Aurora Lapique con Guti, o autor das maquetas, colocando as súas pezas).

O río Eume, coa reprodución, no alto das Fragas, do mosteiro de San Xoán de Caaveiro, baixa cantareiro cara á vila que lle “roubou” o seu nome engadindo o da ponte na que desemboca, e o monte de Breamo, en cuxo cumio chantaron en 1187 a capela na honra de San Miguel, magnificamente representada, marca o camiño ata a ribeira desde o antigo castro que os vellos ártabros habitaran antes da chegada da nave trirreme e da romanización da nosa terra (Foto de Aurora Lapique).

A maqueta do castelo da Pena Leboreira de Nogueirosa simboliza, no outeiro do monte, o poder da Casa dos Andrade nestas terras. Os eumeses non podemos imaxinar outro lugar para colocar o castelo de Herodes que este; a crueldade do rei talvez fose similar á de Nuno Freire, que mereceu o alcume do Mao e o ataque dos irmandiños comandados por Roi Xordo no ano 1413 (Foto de Aurora Lapique).

Castelo Nogueirosa

O poder da Casa dos Andrade na nosa vila está representado pola maqueta do Torreón, na que campa a bandeira de Pontedeume, e a actividade cotiá dos eumeses queda simbolizada nas maquetas do Mercado, que nós chamamos A Praza, da fonte do Pilón, do antigo colexio de Atocha no Chafarís e da Casa do Concello, co Cagarrón e a Torre do Reloxo na praza Real, o palacio de Rajoy co seu escudo barroco na rúa Real e o Freixo na praza do Pan, os soportais, balcóns e galerías da Real, e as casas da parte baixa dos Ferreiros (Foto de Aurora Lapique).

A maqueta da fonte do Pilón foi realizada por Carlos Ferreiro e Eva Estrada, e as demais son obra de José Manuel Gutiérrez “Guti”, cuxa vea artística herdou o seu fillo máis novo David Gutiérrez Curbeira, ben que no eido da música. Todas elas, marabillosamente executadas, representan moi polo miúdo e con gran detalle estes
emblemáticos edificios da nosa vila e fan posible que a Terra Santa de Belén, que acolleu o nacemento do Neno Xesús, sexa un Pontedeume en miniatura.

Lea también

Invectivas del presidente sobre la postura del Partido Popular (José M. García Lastres)

José Manuel Otero Lastres Aunque la política tiene importantes consecuencias en nuestra vida, hay gente …