O obradoiro dual de emprego Reinicia arranca a súa XI edición

O alcalde da localidade, Julio Ignacio Iglesias como representante de Ares; Juventino Trigo, rexidor de Fene; Ana Varela, edil de Mugardos; Martina Aneiros, delegada territorial da Xunta en Ferrol e Juan José Couce, director territorial de Emprego, inauguraron o Reinicia XI, o obradoiro dual integrado polos tres concellos e que promove unha formación téorico-práctica para a mellora profesional do seu alumnado-traballador.

Vinte serán as persoas que concurrirán nas dúas especialidades dentro desta undécima edición nos vindeiros 9 meses, con dez prazas habilitadas en cada unha. Poderán formarse en Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais e en Traballos de carpintería e Moble, cunha modalidade centrada na aplicación de lacas e varnices.

Como xa é común nesta tipoloxía de itinerario formativo, ambas opcións contemplan contratos de aprendizaxe en empresas e contornas reais de traballo e incluirán certificados de especialización profesional para impulsar o atractivo dos perfís laborais do alumnado.

No caso de Ares, actuarase no centro de día de Caamouco, exercendo as tarefas de atención sociosanitaria, e promoveranse intervencións nas carpinterías exteriores do Mosteiro de Santa Catalina, con especial énfase na colocación ou substitución de ventás ou o mantemento do resto de carpinterías instaladas en anteriores obradoiros do Reinicia.

De feito, o alcalde do Concello de Ares, Julio Ignacio Iglesias, enfatizou a relevancia dos obradoiros de emprego, “que axudaron considerablemente ó mantemento de Santa Catalina” e que salientan “o criterio de colaboración entre as administracións locais”. Para o rexidor aresán non se trata unicamente das “posibilidades de inserción no mercado laboral, senón que tamén o que facedes –en referencia ao alumnado– ten impacto directo no municipio”.

Pola súa banda, a delegada territorial da Xunta, Martina Aneiros, agradeceu o “esforzo municipal desenvolto” para materializar o Reinicia XI e valorou positivamente “a colaboración ano tras ano entre a Xunta e os concellos” para achegar esta “formación transversal destinada á mellora da empregabilidade con oficios con considerable demanda”.

O obradoiro dual de emprego conta coa subvención e apoio da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia.

Lea también

Neda avanza las propuestas de mejora del actual sistema de abastecimiento de agua formuladas por Viaqua

El alcalde de Neda, Ángel Alvariño, se reunía este viernes en la Casa Consistorial con …