Clausura en Narón do I Laboratorio de Apoderamento LGBT+en Ferrolterra

As concelleiras de Ensino, Olga Ameneiro, e Igualdade, María Lorenzo, presenciaron no Auditorio municipal o acto de clausura da primeira edición do Laboratorio de Apoderamento LGBT+ en Ferrolterra, que consistiu nun encontro participativo ao que acudiron tamén traballadoras da cooperativa Rexenerando, promotora do proxecto, a Deputada de Igualdade, Soledad Agra, como representante da administración financiadora, técnicas e concelleiras das áreas de igualdade de Fene, Ferrol, Narón, Neda, San Sadurniño e Valdoviño.

Ademais, contou con representación de estudantado e docentes dos centros educativos participantes nesta primeira edición: o IES de Fene, o IES Catabois, o IES Terra de Trasancos, o IES Fernando Esquío e o CPI San Sadurniño e CPI Atios. O espazo, que se desenvolveu entre as 11:00 e as 14:00 horas, serviu tamén para seguir tecendo rede e avaliar o feito.

Tras a presentación do equipo que desenvolveu a acción educativa, tivo lugar unha dinámica na que os axentes de cada territorio se sentaron de maneira independente para coñecer mellor as propostas do estudantado para a incorporación da perspectiva da diversidade sexual nos seus territorios, e para valorar se algunha delas pode ser integrada nas políticas locais ou a acción do centro educativo.

Despois da merenda, un segundo espazo serviu para avaliar por círculos o traballo feito, recollendo apreciacións que poidan orientar as vindeiras edicións do LAB.

En canto a Naron, participaron dous grupos de cuarto de ESO do IES Terra de Trasancos, un total de 58 persoas, representadas hoxe no acto. A convocatoria desenvolveuse na cidade entre os meses de outubro e novembro deste ano, con dúas sesións por grupo/aula. Na súa edición 2024, participaron directamente nos obradoiros do LAB un total de 287 persoas (241 alumnado, 46 docentes e familias).

Convocouse unha primeira sesión de marco xeral, unha segunda con alumnado voluntario para afondar na súas vivencias a respecto da diversidade sexual, e unha última para o prototipado de accións que se poderían desenvolver no seu territorio para visibilizar este tema.

Con profesorado e familias, pola súa parte, desenvolvéronse seis obradoiros de dúas sesións cada un, onde sensibilizar e reflexionar sobre como acompañar as adolescencias nesta área. O Laboratorio traballou ademais coas áreas de igualdade dos seis concellos participantes, facendo unha primeira diagnose de accións que están levando a cabo en materia de diversidade sexual, e devolvendo posteriormente as propostas e necesidades do alumnado para a súa valoración.

Involucrou así mesmo a entidades LGBT+ como Avante LGBT+ Ferrolterra, o Colectivo Agrocuir da Ulloa, o Club de Lectura Queeruña, ou a Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+, dando a coñecer o seu traballo entre os diferentes círculos participantes e promovendo a xeración de sinerxías. O LAB LGBT+ está financiado pola Deputación da Coruña, ao abeiro do programa de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para o mantemento de políticas de xénero.

A cooperativa Rexenerando, equipo impulsor, seguirá traballando para continuar co programa na comarca no 2025. A Deputada de Igualdade, Soledad Agra, pechou este espazo de encontro onde a mocidade, as súas percepcións e ideas tiveron un papel central.

Lea también

Campionato de Dúatlon por equipos de Narón

O concelleiro de Deportes de Narón, Ibán Santalla, e Javier Campos, representante da Federación Galega …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *