Éxito de acollida do programa para deportistas de alto nivel DANUDC

A Reitoría da Universidade da Coruña acolleu a recepción institucional da UDC aos seus deportistas de alto nivel do curso 23-24, coa presenza do reitor, Ricardo Cao; a vicerreitora de Divulgación Cultura e Deporte, Cristina Naya; e a directora de Deportes, Marta Bobo. O acto incluíu, ademais, unha homenaxe a quen conseguiron medalla nalgunha das competicións celebradas a nivel nacional e internacional ao longo do ano actual.

Un centenar de estudantes formaron parte do programa DANUDC no ano académico 23-24. Un plan que está dirixido a deportistas, adestradores, técnicos, xuíces  ou árbitros e árbitras de alto nivel, alto rendemento deportivo, e rendemento deportivo, así como a participantes en competicións de ámbito nacional, que formen parte da comunidade universitaria, co obxectivo de axudalos a compatibilizar a preparación e a práctica competitiva cos estudos universitarios. Ademais, 3 docentes da Universidade foron tamén DANUDC no curso pasado, xa que o programa está aberto á participación de calquera membro da comunidade universitaria.

O acto serviu tamén para destacar os logros acadados o pasado ano, no que se conseguiron 11 medallas en campionatos universitarios (3 de ouro, 3 de prata e 5 de bronce). Foron nas modalidades de surf, judo, taekwondo, halterofilia, atletismo e voleibol.

Entre eles cabe salientar o de Manuel Taibo González, estudante do Grao en Enxeñaría Informática, que obtivo a medalla de ouro no Campionato do Mundo Universitario de Patinaxe de Velocidade na proba Mass Start.

O reitor da UDC, Ricardo Cao, destacou a boa acollida que está a ter o programa DANUDC entre a comunidade universitaria, que pasou de ter 37 persoas inscritas no curso 21-22 ás 108 do presente ano académico, malia estar pendente aínda o segundo prazo de solicitudes para adherirse ao programa, que abrirá o día 19 de decembro. “Un crecemento que demostra o bo facer de todas as persoas implicadas na posta en marcha e o desenvolvemento do programa e amosa o compromiso da UDC co deporte”, afirmou.

Unha aposta que está a ter tamén os seus resultados en investigación e a innovación, eido no que Ciencias do Deporte da UDC acaba de serrecompensada na clasificación mundial de facultades e departamentos de Ciencias do Deporte 2024 do Ranking Shanghai, que sitúa á Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física da UDC na elite mundial dos centros de investigación neste campo.

O recoñecido ránking internacional recolle o impulso de investigación de centros de investigación e universidades en función de ser unha universidade especializada na actividade, que publicase artigos do seu persoal investigador de calidade, en cantidade, e rexistrados na Web of Science durante os últimos 5 anos.

En 2024, entre miles de centros de investigación e universidades de todo o mundo foron seleccionados 527 centros de investigación en deporte, dun total de 461 universidades. A Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física da Universidade da Coruña foi incluída entre elas.

Lea también

Presencia de la cantera racinguista en el Campeonato Gallego

Dieciséis futbolistas de la cantera del Racing de Ferrol compitieron con las selecciones comarcales. Varios …