San Sadurniño publica a oferta de emprego público ´24 cun total de sete prazas

Máis da metade dos postos ofertados son para o Servizo de Axuda no Fogar.

Foto de arquivo das profesionais do SAF participando nun curso de manexo de camas e cadeiras articuladas (César Galdo)

O Boletín Oficial da Provincia do pasado 5 de decembro publicou o anuncio do Concello de San Sadurniño onde se recolle a oferta de emprego público deste 2024.  Son sete prazas en total: dúas de persoal administrativo, unha para o manexo de maquinaria e catro para o Servizo de Axuda no Fogar. O anuncio non significa que se vaian iniciar de inmediato os procesos selectivos, senón que marca o comezo do prazo de dous anos que terá o Concello como máximo para convocar a cobertura de cada un deses postos. 

Na OEP 2024 figura unha praza de persoal funcionario do grupo C, subgrupo C1, para reforzar o departamento de administración do Concello, ao que se adscriben funcións complexas e especializadas como a levanza da tesouraría, a secretaría, a tramitación de expedientes de contratación ou o rexistro.  Neste caso, chegado o momento, a praza convocarase dentro da quenda libre ou, dito doutra maneira, farase un anuncio público nos boletíns oficiais e a ela poderá concorrer calquera persoa que cumpra os requisitos.

Na quenda libre tamén se incluiron catro prazas de auxiliar do Servizo de Axuda no Fogar, outro dos departamentos prioritarios para o Goberno local. «San Sadurniño é dos poucos Concellos que xestiona directamente a atención domiciliaria ás persoas dependentes.  Á hora de planificar os recursos persoais a medio e longo prazo temos que contar coas xubilacións previstas e tamén coas necesidades dun servizo estratéxico que cada vez demandan máis persoas por causa da evolución demográfica do concello», explica o alcalde, Secundino García Casal, aludindo aos motivos de que sexa o Servizo de Axuda no Fogar quen cope máis da metade dos postos de emprego que ofertará o Concello.

Xunto coas cinco prazas que se convocarán en quenda libre, a OEP 2024 tamén reflicte dúas que se cubrirán mediante promoción interna, unha de persoal laboral administrativo para a área de Servizos Sociais -grupo C subgrupo C1- e outra referida ás funcións do manexo da maquinaria municipal, encadrada como oficial no subgrupo C2.

Todos estes postos da oferta de emprego público de 2024 -que xa figuraban no cadro do orzamento municipal deste ano- forman parte da Relación de Postos de Traballo do Concello de San Sadurniño, que acaba de ser modificada no seo da mesa xeral de negociación e ratificada polo pleno a finais de novembro.

O Concello conta na actualidade con 30 traballadoras e traballadores, -6 de funcionariado e 24 laborais-. Trala cobertura dos postos da OEP quedaría configurado cun cadro de 35 persoas. Iso si, para iso haberá que agardar a que as prazas se convoquen coa publicación dos correspondentes procesos selectivos. Aínda que a lei dá de marxe un prazo de dous anos, o Executivo local ten intención de que as convocatorias vaian adiante «con carácter inminente, xa en 2025» asegura o alcalde, coa finalidade de que a incorporación do persoal aos distintos servizos non se demore máis do estritamente necesario.

Lea también

La Xunta destaca en Mañón la contribución del programa Leader para crear empleo en zonas rurales

La conselleira de Medio Rural, María José Gómez, ha destacado la contribución del programa Leader …