O vindeiro luns 16 de decembro, abre ao público na sala de exposicións temporais da Casa da Cultura de Fene – Museo do Humor Xaquín Marín a exposición Fauna Esencial, promovida por Afundación (Obra Social Abanca). Trátase dunha exposición fotográfica que propón “unha viaxe enriquecedora a través da diversidade e a esencia mesma da nosa vida silvestre”.
Ademais, a colección encádrase no programa solidario “Cultura por alimentos” que a Obra Social de Abanca desenvolve coa colaboración da Federación Española de Bancos de Alimentos para axudar aos Bancos de Alimentos locais. Así, convídase ás persoas que se acheguen a visitar a mostra a colaborar depositando a súa doazón de alimentos non perecedoiros ao acceder á mesma.
Fauna Esencial poderá visitarse en Fene do 16 de decembro ao 16 de xaneiro de 2025 en horario: de luns a venres, de 10.00 a 13.00 h. e de 16.00 a 21.00 h., e os sábados, de 10.00 a 13.00 h. Durante o Nadal (do 21 de decembro ao 7 de xaneiro, ámbolos dous inclusive), o horario será: de luns a venres, de 10.00 a 14.15 horas. Durante este período, os sábados, domingos e festivos a instalación permanecerá pechada.
A exposición Fauna Esencial somerxémonos na beleza e fraxilidade das especies máis representativas da nosa contorna natural a través dunhas impresionantes fotografías, acompañadas de información detallada. Afonda nos misterios e marabillas da fauna que nos rodea, desde os maxestuosos mamíferos ata as aves máis comúns, desempeñando un papel vital no equilibrio do noso ecosistema.
Máis ca unha simple mostra visual, a exposición formúlase coma un chamamento á acción e á reflexión. Convídanos a apreciar a diversidade da vida salvaxe, a recoñecer a súa importancia para a sostibilidade do noso planeta e a asumir a responsabilidade da súa conversa. Nun mundo cada vez máis consciente da necesidade de preservar o medio ambiente, Fauna Esencial inspíranos a valorar e respectar as nosas especies, asegurando así un futuro máis harmonioso e equilibrado para todas as formas de vida na Terra.