A Deputación cofinancia a construcción da primeira residencia de saúde mental de toda a comarca de Ferrolterra, Eume e Ortegal.

A Deputación da Coruña destina 500.000 euros para cofinanciar as obras de construción dunha residencia de saúde mental no concello das Pontes.

O presidente da deputación de A Coruña Valentín González Formoso, e o presidente da Asociación Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal, Félix Pena, asinaron na sede da institución provincial o convenio polo que a Deputación colaborará con medio millón de euros no financiamento desta nova Unidade Residencial, que terá capacidade para 25 persoas e estará ubicada nunha finca de preto de 2.700 metros cadrados no lugar de Feáns, nas inmediacións da Fraga.

Formoso destacou a importancia dun proxecto que supón un investimento total de preto de 2 millóns de euros e “que vai dar solución a un problema que nos ten que facer reflexionar: será a primeira residencia de saúde mental de toda a comarca de Ferrolterra, Eume e Ortegal. É dicir, en 21 concellos con máis de 200.000 habitantes non hai a día de hoxe un centro destas características”, apuntou o presidente, que destacou o importante traballo que vén desenvolvendo dende hai moito tempo a entidade “para lograr un servizo tan necesario e fundamental na comarca e para suplir as carencias que ten a administración no ámbito da saúde mental”.

Destacou tamén que a Unidade Residencial é froito da colaboración institucional, pois no financiamento do proxecto participan o Concello das Pontes, a Xunta de Galicia con fondos europeos para política social e agora Deputación, que ven dar un novo impulso á residencia. “Para nós é unha felicidade axudar a facer a vida un pouco máis doada a xente que o necesita”, afirmou o presidente e alcalde das Pontes subliñou tamén que, ademáis de ofrecer un recurso moi necesario e demandado no ámbito da saúde mental, a residencia creará vinte postos de traballo especializados no municipio.

Pola súa banda, Félix Pena agradeceu o apoio económico e a implicación da Deputación da Coruña para a construción da residencia, “unha obra complexa e un investimento moi forte para a nosa entidade, para dotarnos dunha residencia con perspectivas de futuro, cun modelo de atención que non hai hoxe neste país”. A residencia será a cuarta das súas características en Galicia, e permitirá cubrir a ausencia de recursos que neste ámbito ten a área sanitaria de Ferrolterra.

A nova Unidade Residencial de Saúde Mental terá capacidade para 25 persoas e funcionará dun xeito similar a un fogar tutelado. Contará con tres habitacións dobres, dezanove individuais e zonas comúns de ocio e para a realización de obradoiros e actividades, cociña, comedor e almacén, ademais de despachos e oficinas.

O aspecto exterior do inmoble será o dunha vivenda unifamiliar co co obxectivo de que as persoas usuarias poidan facer unha vida o máis normalizada posible, en réxime de convivencia familiar, integrada no ámbito comunitario e nun entorno vivo, próximo aos servizos sanitarios e sociais.

Entre os servizos que prestará destacan os programas individualizados de atención especializada, un plan de apoio familiar, asistencia nas actividades básicas da vida diaria, propostas de ocio e tempo libre, así como rehabilitación funcional, terapia ocupacional, estimulación cognitiva e atención psicolóxica.

A Asociación Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal está integrada por persoas con enfermidade mental, os seus familiares e profesionais de distintos campos relacionados coa saúde mental. Naceu como asociación AFAES ‘Porta Nova’ en 1995, contando coa colaboración de varios profesionais no ámbito sanitario. Na actualidade, a entidade dispón de dous Centros de Rehabilitación Psicosocial e Laboral con 70 prazas totais, concertadas pola Consellería de Sanidade, e un Centro Ocupacional con capacidade para 20 usuarios.

Lea también

Unos 200 estudiantes de secundaria participan este viernes en la IV Olimpíada Robótica en Ferrol

 Cerca de 200 estudiantes de ESO de distintos puntos de las provincias de A Coruña …