O Concello de Cerdido celebra o I Concurso de arranxos exteriores de Nadal co obxectivo de ambientar tódolos lugares do termo municipal facendo participe á súa veciñanza.
Poderá participar calquera persoa que teña unha vivenda no termo municipal que se inscriba no concurso e cumpra os requisitos establecidos nas bases do concurso; tamén poderán facelo negocios ou establecementos aínda que tamén participen a título individual, ca condición de que se traten de arranxos diferentes.
As persoas interesadas en participar teñen ata o vindeiro 16 de decembro para inscribirse nas oficinas municipais ou enviando un correo a cultura@cerdido.es indicando o nome e apelidos da persoa inscrita, teléfono, lugar, parroquia e unha fotografía. O gañador, que será elixido a través dunha votación popular, anunciarase o venres 26 de decembro, e recibirá unha cesta con produtos de Nadal.
As fotografías dos arranxos, que, a maiores, deben ser observables dende a vía pública, serán publicadas nas redes sociais do concello (Facebook e grupo de WhatsApp).
A votación poderase realizar por tres medios distintos: a través de Facebook, dándolle “me gusta” ou “me encanta” na fotografía do arranxo que consideren merecedor do premio; por WhatsApp, valorando a fotografía e indicando o nome e apelidos da persoa que vota; ou cubrindo unha papeleta física e depositándoa na urna dispoñible nas oficinas municipais.
Cada persoa conta cun único voto, e, para que sexa considerado válido os individuos que os realicen deberán poder identificarse. Os votos que se detecten como duplicados non serán tidos en conta no reconto final. O peche das votacións será o 23 de decembro ás 14:00 horas, todas as valoracións feitas fóra desa data non serán válidas.
O alcalde, Alberto Rey agarda que esta nova iniciativa reciba unha boa acollida xa que considera importante “facer participe á nosa veciñanza destas festas tan especiais”. Así como, convida a todos e a todas a participar xa que “unha boa participación axudará a embelecer o noso municipio á vez que fomentar espírito do Nadal”.