Se aproba en Narón o regulamento do servizo de madrugadores en infantil e primaria

A corporación local aprobou na sesión plenaria por unanimidade a proposta sobre o regulamento do servizo de madrugadores nos centros públicos de educación infantil e primaria de Narón.

O documento, tal e como indicou o voceiro de TEGA, Román Romero, ten por obxecto regular o funcionamento deste servizo de protección, vixilancia e almorzo ao alumnado dos centros educativos de titularidade pública para alumnado de 3 a 12 anos, dende as 7:30 horas ata o comezo da actividade lectiva, ás 9:00 horas.

O regulamento publicarase no BOP da Coruña e no taboleiro de anuncios do Concello durante 30 días para que se poidan presentar as reclamacións e estimacións que se consideren oportunas e se non as houbese considerarase aprobado definitivamente sen necesidade de acordo expreso polo pleno.

Así mesmo, no transcurso da convocatoria saíu adiante, tamén por unanimidade, de xeito inicial o regulamento de funcionamento e réxime do Centro de Interpretación dos Muíños Industriais de Xuvia (CIMIX), última fase para poñer en valor este conxunto etnográfico, que xa pode visitar a cidadanía os xoves de 10:00 a 14:00 horas e os venres, sábados e domingos de 10:00 a 14:00 e dende as 16:30 ata as 20:30 horas. En outubro deste ano adxudicouse a xestión das instalacións á empresa Trivium.

O documento someterase 30 días a exposición pública para presentar posibles reclamacións ou suxestións antes de aprobalo definitivamente. A ordenanza xeral de subvencións do Concello foi outro dos puntos da sesión plenaria que saíu adiante, cos votos de TEGA e BNG, co fin de facilitar os trámites de solicitude e xustificación ás entidades beneficiarias das mesmas.

No pleno aprobouse coa abstención dos edís do PP o convenio de colaboración entre os concellos de As Pontes, Cedeira, Cerdido, Moeche, Narón, San Sadurniño e Valdoviño para a xestión compartida do centro comarcal de apoio ao emprendemento e o desenvolvemento rural A Fusquenlla. O obxecto do acordo é regular a xestión conxunta do citado centro, a través do que se programan actividades de formación e axuda á transformación de produtos agrícolas a pequenos produtores, dentro dunha estratexia de promoción agroalimentaria e de desenvolvemento rural, xestionando subvencións para a dotación do centro, etc.

Por unanimidade da corporación local saíu adiante tamén a aprobació do convenio de colaboración coa Consellería de Cultura para a renovación do compromiso de integración na Rede Galega de Bibliotecas Públicas de Galicia para o período 2024-2028.

No apartado de mocións, aprobáronse por unanimidade a presentada polo PSOE para elaborar unha memoria e proxecto da cuberta da pista do CEIP A Gándara-AVV Santiago Apóstol da Gándara; outra presentada polos socialistas sobre o control de ratas na cidade e unha do BNG a prol dunha bonificación no IBI para as vivendas que instalen sistemas para o aproveitamento da enerxía solar.

A maiores, aprobouse unha presentada polo PP sobre a regulación do procedemento da solicitude de instalacións deportivas e compensación da taxa vixente para entidades e clubs do concello con equipos federados con categorías de base.

Lea también

O Pazo da Cultura de Narón acolle un espectáculo de danza e música tradicional

O Pazo da Cultura de Narón acolle este sábado 30, ás 20:00 horas, un espectáculo …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *