Culturgal volve ser escaparate para os proxectos de Cultura da Deputación

A edición 2024 do Culturgal, o espazo de encontro entre as diferentes culturas galegas e os seus públicos, celebrarase deste 29 de novembro ao 1 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra. Entre as 200 actividades, 100 expositores, seis escenarios e 500 artistas do programa estarán os tres proxectos cos que a área de Cultura da Deputación da Coruña participa este ano na feira.

Na caseta 2 terá espazo propio, con información e merchandaxe, o Reino de Galicia, a liña de traballo pola que o departamento provincial coruñés apostou en 2021 para a dar a coñecer e difundir a etapa medieval galega.

Premios que tecen redes

‘Premios que tecen redes: certames literarios da Deputación da Coruña’ será o lugar de encontro, o domingo 1, ás 16 horas, no Escenario B, cos gañadores e a gañadora de tres dos concursos de literatura que convocou en 2023 a institución provincial. Nun faladoiro conducido pola xornalista e comisaria dos premios, Susana Pedreira, César Lorenzo (vencedor do XXXV Torrente Ballester de narrativa en lingua galega), Blanca Paula Rodríguez Maragatos (XIV Murguía de ensaio) e Rafael Fernández Lorenzo (XVII Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil) presentarán os seus libros, que chegaron ás librarías hai uns días, e conversarán sobre eles coas primeiras persoas que os leron: xurados e comisión lectoras.

Actuación dos finalistas do Quero Cantar

Tamén para o domingo, ás 17 horas, no Escenario infantil, está programada  a actuación dos grupos Hush, de Teo, e Interestelares, do Morrazo, gañador (na categoría infantil) e finalista (categoría xuvenil) da sétima edición do concurso de música Quero Cantar.

“O Culturgal”, explica a deputada de Cultura, Natividade González, “é unha cita para nós moi especial porque temos contacto estreito co público”. “Como administración”, engade, “valoramos a oportunidade de que coñezan o noso traballo os profesionais da xestión cultural, programadores, empresas e outras institucións, pero esa proximidade co público dálle un plus á feira e é perfecta para poñer en valor o talento das autoras e autores que dan prestixio aos nosos premios literarios, o mesmo talento, e enerxía, que teñen os participantes do concurso Quero cantar, como seguro van demostrar aquí no Escenario infantil”.

González animou ao público a visitar a caseta da Deputación: “As persoas que se acheguen ao noso ‘stand’ poderán coñecer de xeito gráfico e rigoroso a historia, extensión e cronoloxía do Reino medieval de Galicia, a través do completo material de difusión que lles ofreceremos”.

 

Lea también

Unos 200 estudiantes de secundaria participan este viernes en la IV Olimpíada Robótica en Ferrol

 Cerca de 200 estudiantes de ESO de distintos puntos de las provincias de A Coruña …