O Museo do Humor Xaquín Marín de Fene pon broche este venres 29 de novembro ao ciclo de monólogos de humor co que está a conmemorar o seu 40º aniversario. Desta vez o protagonista será o narrador e músico Brais das Hortas. O espectáculo, titulado Contos de defuntos (e outros asuntos), comezará ás 20.00 horas e a entrada será de balde, previa recollida de invitacións (até un máximo de dúas por persoa adulta) na conserxería da Casa da Cultura de Fene ese mesmo día a partir das 19 horas. Aforo limitado.
Neste espectáculo Brais das Hortas conta “contos de mortos que non están tan mortos, da Santa Compaña que non era tan santa, de aparecidos e visións… de todas estas causas que rodean a vida e a morte en Galicia, e das que nunca está de máis falar un pouco. Porque o mundo cambia. O noso mundo, o dos vivos… e quen sabe se o dos mortos tamén cambiou! Porque, aínda que haxa luz eléctrica, nunca se sabe onde se che pode aparecer algo…”
Narrador, músico e creador de instrumentos de refugallo. Brais das Hortas mistura diversos xéneros coma os contos, a música ou os títeres, cunha posta en escena divertida, participativa e retranqueira.
Como narrador ten espectáculos individuais pero tamén forma parte da Tropa de Trapo.
Como músico actualmente forma parte de Blues do País, Sacha na Horta e o Concerto PunkInfantil, aínda que pasou tamén por bandas coma Sons Miúdos, Mamá Cabra, Banda Fura Fura… e colaborou con Ataque Escampe, Sofía Espiñeira, Mark Wiersma…
Ademais fai obradoiros e compón bandas sonoras para outros espectáculos.
Novembro, mes do Humor é un ciclo organizado pola concellería de Cultura de Fene coa colaboración da Deputación da Coruña (Rede Cultural).