A Virxe Peregrina de Pontedeume e os dous himnos da vila

José Fonte Sardiña
Pretiño do itinerario do Camiño Inglés, ao subir as escaleiras que dan acceso pola rúa da Pescadería ao adro da igrexa parroquial de Santiago de Pontedeume, nun lugar ben discreto, aparece, nunha repisa situada nun recuncho do muro da horta do crego, unha imaxe de pedra da Virxe Peregrina co seu Fillo no colo, cos mesmos atributos ―o
sombreiro, a esclavina, o zurrón e o bordón coa cabaza― que as efixies pétreas que representan ao apóstolo Santiago e aos seus discípulos Teodoro e Atanasio na Porta Santa da Quintana ou na fachada barroca do Obradoiro da súa catedral compostelá, que lle serven de modelo, ben que substituíndo o Libro dos Evanxeos pola figura de Xesús Neno, que, algo máis de trinta anos despois do seu nacemento, lles encomendou aos doce apóstolos, antes da súa Ascensión ao ceo, a misión de espallar a súa palabra “ata os confíns da terra” (Feitos dos Apóstolos, 1, 8), e trouxo así, segundo a tradición, a Santiago a Galicia (Imaxes do apóstolo Santiago e os seus discípulos Teodoro e
Atanasio como peregrinos na Porta Santa e na fachada do Obradoiro da catedral compostelá).

A orixe desta representación xacobea da Virxe cómpre buscala no santuario da Peregrina de Pontevedra ―con planta en forma de vieira―, que na súa fachada ―realizada por Antonio Souto entre 1778 e 1792― e no retablo neoclásico ―deseñado por Melchor de Prado en 1789― acolle a imaxe mariana cantada no romanceiro popular: “Anque vou a Pontevedra / non é por ver os soldados, / que vou ver a Peregrina, / a dos pendentes dourados” (Imaxe pétrea da Virxe Peregrina na fachada da súa igrexa de Pontevedra).

Contan en Pontevedra que esta devoción xurdiu na “boa vila” que “dá de beber a quen pasa” porque uns peregrinos franceses trouxeron a mediados do século XVIII unha imaxe da Virxe así ataviada e que lles gustou tanto aos pontevedreses que fixeron un templo e unha talla de vestir co seu retablo para a venerar (Imaxe de vestir da Virxe
Peregrina no retablo maior da súa igrexa de Pontevedra)

Dela di tamén Álvaro Cunqueiro que “Pontevedra ten unha igrexa para a súa patroa, a Virxe Peregrina, a do sombreiro adornado coas cunchas de vieira, vestida con graciosa esclavina e levando na man destra o bordón do romeiro, coa cabaciña chea de auga para a sede camiñeira. E no brazo esquerdo, o Neno, que María non sabe ir soa. Nada máis natural que ver no Camiño de Santiago a Virxe que vai romeira, e como o mundo é redondo, por que non ía dar a volta, indo de Nazaret a Compostela, pola súa boa vila de Pontevedra? [ou de Pontedeume, poderiamos dicir nós] […]. En agosto, Pontevedra celebra as festas da Virxe Peregrina. E o pobo axeónllase cando pasa a Divina Romeira e no alto do bordón abala a cabaciña da auga, que lla encheron co albor os anxos, con certeza nunha das fontes do Paraíso. A Peregrina ten no seu doce rostro brisas e soles de todos os camiños do mundo” (Tomado e traducido de Álvaro Cunqueiro: “Pontevedra. Rías Bajas”, León, 1991, p. 62) (Imaxe da Virxe Peregrina na procesión polas rúas de Pontevedra o 11 de agosto).

A imaxe pétrea da Peregrina eumesa, que veu dun obradoiro de canteiros pontevedreses na segunda metade do pasado século, sostén tamén o Neno no seu brazo esquerdo e suxeita co dereito un báculo coa cabaza pendurada na súa punta no que semella non apoiarse. O “Códice Calixtino” di no sermón ‘Veneranda dies’ que, “polo bordón, que o peregrino recibe coma un terceiro pé para apoiarse, se simboliza a fe na Santa Trindade, na que debe manterse. O bordón é a defensa do home contra os lobos e os cans. O can adoita ladrarlle ao home e o lobo comer as ovellas. Polo can e polo lobo simbolízase o demo, tentador do xénero humano” (Xosé López Díaz (trad.): “O Códice Calixtino. O Codex Calixtinus en galego”, Libro I, capítulo XVII, Vigo, 2009, p. 215) (A Peregrina eumesa).

Ademais, esta Virxe de pedra cobre a súa cabeza cun sombreiro xacobeo e viste un longo hábito de peregrina que case lle chega aos pés, sobre o que loce a típica esclavina dos camiñantes a Compostela, como os seus modelos masculinos da Porta Santa e a fachada do Obradoiro da catedral de Santiago, e o feminino pontevedrés. Leva tamén
baixo o brazo dereito un pequeno zurrón. Consonte o citado sermón do “Códice Calixtino”, por este bolsiño “represéntanse a xenerosidade das esmolas e a mortificación da carne […]. É un saquiño estreito, feito do coiro dun animal morto, aberto sempre pola boca, non atado con lazos […]. O feito de que non estea atado, senón sempre aberto, significa que debe compartir primeiro o seu cos pobres e que despois debe estar preparado para dar e para recibir” (Idem, p. 214 e 215) (A Peregrina eumesa).

O padre Placer xustifica a existencia desta Virxe de pedra no adro parroquial de Pontedeume aducindo que “hai razóns profundas na vida, e unha delas asiste á Peregrina, para que se asente a carón do templo […] do señor Santiago, patrón da vila […]. Os dous viviron unidos a existencia palestina, e queren prolongala nas terras
eumesas; tamén presidiron o nacemento da Igrexa, e agora animan coa súa presenza a vida eclesiástica de Pontedeume e colaboran á súa marcha espiritual […]. Está quieta, pero anda; séntense as súas pisadas, pero non se ven […]; fálannos do seu peregrinar, lémbrannos a lama dos nosos zapatos e remóntannos a voos cobizosos de eternidade” (Tomado e traducido de Gumersindo Placer: “Crónicas de mi rincón natal”, p. 128 e 129) (Músicos da vila tocándolle “O Paso” antes da procesión do Encontro á Virxe Peregrina de Pontedeume).

O sorriso da nosa Peregrina fai pensar que se atopa feliz no seu pedestal. Así e todo, hai dous días no ano nos que, como boa eumesa, goza dun xeito especial. Un deles é o da madrugada do Venres Santo, cando os músicos de Charamela rematan no adro parroquial o seu percorrido polas rúas eumesas tocando “O Paso” e interpretan ao pé da súa imaxe este verdadeiro himno patrio da vila que ela sente como propio. Talvez o fagan para que a Peregrina poida apreciar toda a beleza do réquiem, xa que despois, na procesión do Encontro, co ruxido enxordecedor das carracas, case non o pode escoitar (Os Mómaros, cos cabezudos, os gaiteiros e os músicos de Charamela no adro
parroquial o día de san Nicolás visitando ao copatrono e mais á Peregrina).

O outro é o da mañá do dez de setembro, na festa de San Nicolas de Tolentino, o noso copatrono, cando recibe a visita dos Mómaros e escoita emocionada o segundo himno nacional eumés, o “Ñoñoroñó”.

Lea también

«Tosca» en Ferrol-( Julia M.ª Dopico Vale )

Julia M.ª Dopico Vale La gran ópera de G. Puccini, Tosca, basada en la obra …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *