Os Grupos Municipais Socialista, Bloque Nacionalista Galego e Ferrol en Común presentan no Pleno da Corporación Municipal deste xoves, día 28, a moción para renomear a actual praza de Camilo José Cela en praza Amada García.
Ferrol en Común afirma o seguinte «recollemos nesta moción un sentir popular de carácter comarcal, impulsada por múltiples colectivos, nomeadamente pola Marcha Mundial das Mulleres, colectivo que acolle no seu seo unha disparidade de ideoloxías plurais e diversas, na que conflúen todo tipo de entidades e asociacións en defensa dun feminismo activo e combativo contra o machismo».
«Amada García é un símbolo das mulleres represaliadas pola barbarie, que con toda a súa crueldade acabou coa súa vida, asasinándoa no Castelo de San Felipe, ao pouco tempo de dar a luz, polo mero feito de defender a legalidade, a liberdade e o progreso social».
«Esta moción pretende que o noso rueiro, notoriamente masculinizado e con figuras discutidas en moitos casos, mesmo sen eliminar vestixios da ditadura, teña un cambio en positivo para feminizalo, poñer en valor o que estivo solapado na historia que se conta nos libros, e facer xustiza coas mulleres relevantes da cidade, que no eido cultural, social, intelectual ou político, foron quen de aportar á nosa sociedade avances en democracia, creación artística ou liberdade».
«É algo que se vén reivindicando dende o 2001 de forma oficial, que foi levado a numerosos consellos do Consello Sectorial da Muller, que xa tivo debate no seo dunha comisión informativa do ano 2017 e que pode servir para máis coñecemento dunha figura histórica que, sen pertencerlle a ninguén, nos pertence a todas».
«Cómpre sinalar que toda convocatoria de mobilizacións ou concentracións en defensa de algún dereito, de ámbito comarcal, marcan como punto de partida a Praza de Amada García, polo que non é un cambio drástico ou dramático, ao estar xa asentado ese nome na sociedade. Por ende, o nome actual do espazo pode ser trasladado aos numerosos novos espazos que se van dar na cidade, coa obra de humanización das Pías, ou mesmo en espazos lindeiros á Biblioteca Municipal».
Polo anteriormente exposto, o grupo municipal Ferrol en Común somete a votación a presente moción e o seguinte acordo: «instar ao goberno municipal á incoación dun expediente público para renomear o espazo entre Avenida de Vigo e a Rúa Rochel, diante do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia, como Praza Amada García».