O Grupo Municipal Ferrol en Común presenta no pleno da Corporación Municipal unha moción para a inclusión de partidas orzamentarias en defensa da accesibilidade.
Ferrol en Común expón o seguinte «defendemos dende sempre a accesibilidade como un dos eixos que deben vertebrar unha cidade máis sostible».
«A decisión do Partido Popular de tombar o Plan de Mobilidade non so dinamitou un investimento de máis dun millón de euros de fondos europeos na Estrada de Castela, fondos que xa non poden recuperar, se non que puxo o freo en seco ao que debera ser o punto de partida dunha cidade moito máis amigable coas persoas, con mellor transporte, máis espazos verde e máis rúas peonalizadas».
«Neste mandato ademais rompeuse un fío condutor que viña tecéndose dende o 2015, a colaboración con entidades sociais, como ASCM ou Grupo de Diversidade Funcional, para o deseño urbanístico dos proxectos. Pedra de toque desta cogobernanza foron os proxectos de pasos de peóns accesibles, chegando a desenvolverse cinco fases das mesmas, nos últimos tres mandatos». «A día de hoxe a ralentización dos proxectos fai que de executar un por ano no mandato de Ferrol en Común esteamos ao ritmo dun por mandato nos últimos anos».
«Outro xiro cara atrás, sintomático da política de concesións ás grandes empresas en prexuízo da cidadanía é a renuncia a execución con medios propios do aparcadoiro do Cantón, revelando o goberno que pretende convencer á empresa concesionaria para o seu desenvolvemento». «Resulta unha dilación intolerable, cando había consignadas partidas en orzamentos pasados para a súa execución, sendo un aparcadoiro que ocupa un lugar central e que non cómpre os mínimos requiridos para as persoas con dificultades de mobilidade».
«Por outra banda os aparcadoiros accesibles en superficie distan moito de acadar o número idóneo para garantir o desprazamento de persoas con diversidade funcional, especialmente no centro da cidade, A Magdalena, Ferrol Vello, Canido, que xa de por si son de difícil circulación e para os peóns en cadeiras de rodas máis. Precísase nestas zonas un estudo de necesidade, en función do número de tarxetas, xa que os trámites diarios no entorno do Concello, Xunta, Ambulatorio e comercios, supoñen unha demanda
moito maior que noutros barrios da cidade».
«Por último, o decadente e precario estado da sinalización horizontal, con pasos de peóns despintados case invisibles, con sinais contraditorias entre si, ou con liñas de colores que non cadran coa normativa vixente, dende o 2015, son tamén un obstáculo para o desprazamento diario, xerando un perigo para os viandantes que é responsabilidade única da administración local, por non falar da nula actividade política do goberno a favor da peonalización e a creación de espazos para a cidadanía».
Polo tanto Ferrol en Común «insta ao goberno municipal a incluír partidas suficientes no concello de Ferrol para
«A sexta fase de pasos de peóns accesibles»
«O ascensor do aparcadoiro do Cantón»
«Estudo e implementación de prazas de aparcadoiro accesibles en superficies»
«E a revisión e pintado do global da sinalización horizontal da cidade, na zona urbana e rural»