O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo quinta, da “Gala do Deporte de Narón”. A alcaldesa, Marián Ferreiro, presidirá o evento, ao que asistirán representantes da corporación local, entre eles o edil de Deportes, Ibán Santalla, deportistas da localidade e integrantes de clubs e entidades deportivas da cidade, así como algúns familiares das persoas nominadas aos premios.
Acudirán á Gala do Deporte, que dará comezo ás 21:00 horas, unhas 900 persoas . Ao final do acto farase público o nome da persoa que resultou elixida este ano por un xurado especializado na área deportes como “Mellor deportista do ano 2024”.
Previamente distinguirase aos deportistas do ano nun total de trinta e catro modalidades, entre elas as de atletismo, baile deportivo e de competición, baloncesto, balonmán, carreira de montaña, ciclismo, fútbol, golf, kickboxing, natación, remo, silvestrismo, tenis de mesa, tiro con arco, tríatlon… e como novidade este ano baloncesto en cadeira de rodas e danza urbana.
Haberá tamén mencións especiais para a “Mellor promesa”, “Mellor proxección deportiva”, “Mellor traxectoria deportiva” e “Mellor adestrador”. Así mesmo, terán lugar recoñecementos a persoas e entidades polo traballo e dedicación ao longo dos anos co deporte naronés, pola axuda e colaboración desinteresada nos eventos deportivos do Concello e polos logros deportivos conseguidos ao longo deste ano, polo esforzo e superación no deporte e por levar o nome de Narón polo mundo adiante. Tamén se recoñecerá ao mellor club deste ano.
No transcurso do acto desenvolveranse actuacións de Paso a Paso, Revolution UPA e Narón Kids e haberá unha exhibición de baloncesto en cadeira de rodas