Inaugúrase en Narón o Centro de Interpretación dos Muíños Industriais de Xuvia

O Centro de Interpretación dos Muíños Indutriais de Xuvia (CIMIX) está xa aberto á cidadanía en xeral. As instalacións acolleron o xoves 21 o acto de inauguración oficial, presidido pola alcaldesa, Marián Ferreiro, e no que participaron tamén o presidente e o vicepresidente daDeputación da Coruña, Valentín González e Xosé Regueira, respectivamente, edís da corporación local e persoal das empresas que traballaron na rehabilitación e na musealización do muíño de Xuvia.

Ao inicio da convocatoria a alcaldesa deu a benvida aos asistentes a esta inauguración e posteriormente deu paso a un vídeo no que se resumen os traballos realizados para recuperar a construción. Ao remate da proxección, Ferreiro tomou novamente a palabra para repasar os trámites realizados dende o Consistorio para poñer en valor esta xoia do patrimonio local, adquirida no ano 2009 cun desembolso de 311.000 euros.

Tras unhas primeiras obras de consolidación no tellado e muros, executadas no ano 2010, procedeuse a traballar no proxecto de rehabilitación integral da construción, iniciado no ano 2021 e que supuxeron un desembolso de 1,6 millóns de euros cofinanciados por fondos europeos, a través do programa EDUSI, a Deputación da Coruña e o Concello de Narón. A última intervención foi a musealización, cun investimento de 239.000 euros e tamén cofinanciada polo Concello e fondos da Unión Europea.

En conxunto, a actuación supuxo un investimento de preto de 2,8 millóns de euros, dos que o Concello de Narón aportou case 1,5.

A rexedora local recordou que esta construción do século XVIII foi construído polos empresarios franceses Juan Lestache e Francisco Bucau, chegando a ser o principal muíño fariñeiro de España na súa época. Así mesmo, agradeu o traballo de todas as persoas implicadas na recuperación deste muíño, tanto persoal do Concello -exalcaldes, edís e persoal funcionario- como das empresas adxudicatarias das diferentes actuacións levadas a cabo.

O Centro de Interpretación dos Muíños Industriais de Xuvia (CIMIX) – www.cimix.gal– abrirá a partir de agora as súas portas os xoves de 10:00 a 14:00 horas e os venres, sábados e domingos de 10:00 a 14:00 e dende as 16:30 ata as 20:30 horas.

Na xornada deste sábado 23 coincidindo co Día de Narón, festividade local, poderase acceder de balde ás instalacións, ao igual que en determinadas datas, como o Día Internacional dos Museos, que se conmemora cada 18 de maio. No resto das xornadas o prezo da entrada xeral será de 3,30 euros por persoa, contemplándose reducións do 50% para familias numerosas, maiores de 65 anos, titulares do carné xove e persoas con diversidade funcional e/ou dependentes e acompañantes no caso de que se acredite a súa necesidade.

Na ordenanza que regula a prestación patrimonial polo acceso e utilización do CIMIX tamén se contempla a posibilidade de alugar espazos para determinados actos.

A alcaldesa da cidade destacou tamén no acto a importancia da colaboración entre administracións para levar a cabo actuación que requiren dun investimento tan importante como foi o caso do muíño de Xuvia, agradecendo a implicación da Deputación neste proxecto.

Finalmente, Ferreiro e os representantes da Deputación, Valentín Gonzlález e Xosé Regueira, descubriron a placa inaugural do CIMIX para, a continuación, iniciar xunto co resto de asistentes unha visita guiada polas instalacións, a cargo da empresa que xestionará as instalacións.

Lea también

Renfe pone en marcha un plan de obras con actuaciones en Galicia en 18 estaciones

La primera fase, que corresponde al paquete 1, prevé incluir actuaciones en las estaciones de …